‘AFINIDADES ELECTIVAS’ ENTRE CARME SOLÉ E XOSÉ COBAS

A ilustradora catalana Carme Solé Vendrell e o ilustrador galego Xosé Cobas protagonizaron unha memorable sesión do ciclo Afinidades Electivas -impulsado pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura- na libraría Libros para Soñar, co lema “Dous mares, a luz de dúas olladas”.
A influencia do mar e do clima nas súas respectivas obras foi un dos aspectos que abordaron nun coloquio no que repasaron as súas bibliografías, con recordos e anécdotas cheas de humor.

Tamén a infancia marcou a traxectoria de ambos os dous artistas.
“As nenas e os nenos son o mellor que hai. Os dereitos da infancia non só son a alimentación e a educación; cos teléfonos móbiles estáselles privando da imaxinación. Por iso quen ilustramos e traballamos coa infancia temos unha responsabilidade”, afirmou Carme Solé, que falou da pegada que lle deixou a perda da súa nai na nenez, a súa paixón polo teatro -de onde procede a súa educación plástica- e o seu compromiso cos dereitos das nenas e dos nenos a través da campaña internacional Why? “Cando pinto a súa dor, tamén é a miña”, engadiu a autora, que entende “a vida como un servizo á sociedade”.

“A miña infancia foi fundamental para ser ilustrador”, coincidiu Xosé Cobas. “Eu comecei a ler alfabeticamente ao tempo que graficamente, nas latas da taberna do meu avó e nos anuncios dos xornais; foi unha escola de imaxe, de cultura visual”, lembrou sobre a influencia desa bagaxe na súa carreira, primeiro como pintor e posteriormente como ilustrador de literatura infantil e xuvenil da man do escritor Xabier P. Docampo: “Canto máis ilustraba, máis me gustaba, ata que o pintor foi quedando en nada”, precisou Cobas, por máis que nos seus libros sempre hai referencias á pintura, á escultura e á arquitectura.
O seu próximo traballo, que chegará ás librarías en novembro, é a edición ilustrada en galego da novela “Azucre”, de Bibiana Candia, na colección Kalandraka +.


CARME SOLÉ E XOSÉ COBAS, DOUS GRANDES ARTISTAS EN VIGO

A ilustradora Carme Solé Vendrell e o ilustrador Xosé Cobas participarán o vindeiro martes, 18 de outubro, no encontro artístico e literario organizado pola libraría Libros para soñar (Triunfo, 1) de Vigo, no marco do ciclo Afinidades Electivas impulsado pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura. A sesión, co lema «Dous mares, a luz de dúas olladas», comezará ás 18:30 horas e está dirixida a público adulto. Ambos os artistas manterán un coloquio no que repasarán as súas respectivas traxectorias e compartirán impresións sobre o panorama da ilustración actual e a súa evolución.
Distinguida coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2021, co Premio Nacional de Ilustración 2013 polo conxunto da súa obra, co Premio Nacional de Cultura 2012 e candidata ao Premio Memorial Astrid Lindgren 2010, entre outros recoñecementos, Carme Solé editou o seu primeiro título en 1968 e suma máis de 700 obras ilustradas, entre álbums e libros de texto publicados en numerosos países. Os seus traballos que, ademais do eido editorial tamén abranguen a escenografía, a dramaturxia, o cartelismo e a animación, protagonizaron varias exposicións antolóxicas. Dende a década dos 90 compaxina a ilustración e a pintura e, nos últimos anos, é promotora da campaña «Why?» sobre os dereitos da infancia. É autora de clásicos como «A lúa de Xoán» e «Cepillo», aos que vén de incorporarse «Fab, o monstro amarelo», recuperados por KALANDRAKA.
A súa ollada mediterránea complementarase coa mirada atlántica de Xosé Cobas. Dende os seus inicios na pintura a finais dos 70, pasando pola escultura, a ilustración en prensa e o deseño gráfico, leva máis de 30 anos como ilustrador de literatura infantil e xuvenil, con máis de 200 títulos publicados. A súa obra expúxose en galerías de España, Europa e Latinoamérica. Foi distinguido cos premios Gourmand World Cookbook, Fetén, Díaz Pardo, Neira Vilas e Gala do Libro Galego, ademais de figurar na lista The White Ravens e na selección da Bienal de Bratislava. Durante máis de tres décadas compartiu traballo e amizade con Xabier P. Docampo, que culminaron co libro póstumo do escritor, «O pintor cego». Xosé Cobas acaba de ilustrar «Azucre», a novela de Bibiana Candia que se publicará proximamente en KALANDRAKA.
Esta xuntanza entre Carme Solé Xosé Cobas é unha das máis de 50 actividades seleccionadas este ano a nivel estatal polo Ministerio de Cultura co obxectivo de promocionar as librarías independentes e o labor das autoras e autores, salientando a pluralidade e a diversidade lingüística e creativa. Xa está aberta a inscrición no enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com

CONCERTO-PRESENTACIÓN DE “PAXAROS”

A libraría LIBROS PARA SOÑAR (Triunfo, 1) de Vigo acollerá este venres, 7 de outubro, a partir das 18:00 horas e con entrada libre ata completar o aforo, a presentación de “Paxaros”, un poema musical creado pola autora arxentina Natacha Ortega e mais a ilustradora uruguaia Lucía Franco. A elas súmase o músico Mauricio Gelardi que, xunto con Natacha, forman o grupo Dragón Dorado, que interpretará melodicamente os versos deste libro publicado por KALANDRAKA. Tamén participará, como invitado especial, o músico Paco Nogueiras.
Este espectáculo é o primeiro dunha xira que, co lema “Cantos e contos”, percorrerá Galicia, Madrid e Barcelona visitando librarías, centros culturais e escolas de formación do profesorado para ofrecer presentacións, obradoiros e concertos a base de música, poesía e baile. Con esta actividade LIBROS PARA SOÑAR retoma tamén as súas sesións de animación á lectura.

Elaborada en plena pandemia, a historia de “Paxaros” remite á capacidade das nenas e dos nenos para converteren o espazo público -prazas, parques, arboredas…- en territorios lúdicos de liberdade, creatividade e imaxinación. Natacha Ortega desenvolveu esta obra como parte dunha intervención urbana no marco do proxecto infantil Gato Peludo, baseado en habitar os lugares comúns. Ademais da sinxeleza do texto, un canto aos soños da infancia, as ilustracións de Lucía Franco destacan pola súa reducida paleta cromática de vermellos e azuis, con personaxes caracterizados con picos e alas.
Finalista do XIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, o libro complétase con códigos QR que permiten acceder ás tres versións da canción en galego, castelán e euskara interpretadas, respectivamente, por Paco Nogueiras, Dragón Dorado e Dana Moya: linguas diferentes unidas en irmandade a través dos versos e do ritmo para ler, cantar e contar.

CON PAULA CARBALLEIRA E BONI OFOGO
A galega Paula Carballeira e o camerunés Boniface Ofogo participarán este mércores 20 de outubro, a partir das 18:00 horas na libraría LIBROS PARA SOÑAR (Triunfo, 1) de Vigo, no encontro literario Afinidades electivas que promove a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura. Co lema “O valor da palabra e a transmisión oral”, compartirán a súa ampla experiencia como autores e narradores. Dirixido a público adulto e con aforo limitado, cómpre inscrición previa no enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com.
A obra de Paula Carballeira abrangue varios libros de poesía e de literatura infantil, entre os que destacan “O principio”, “Paco” e “Smara”, editados por KALANDRAKA. Con preto de 30 anos de experiencia como narradora, ten participado en programacións culturais tanto en Galicia como noutras partes de España, así como en Portugal, Brasil e Chile. Na súa outra faceta como actriz está vencellada ao grupo de teatro Berrobambán e tamén traballa en series de ficción para a TVG.
Orixinario dunha aldea do interior de Camerún, Boni Ofogo chegou a España en 1988 para estudar Filoloxía Hispánica e en 1992 comezou a traballar como narrador. Foi mediador intercultural no Concello de Madrid, pero dende 2005 dedícase en exclusiva a percorrer escolas, bibliotecas e centros culturais contando historias. É especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións da África negra. Ten actuado nos principais foros de narración a nivel estatal -Maratón de Contos de Guadalaxara, Fórum das Culturas de Barcelona, Festivais de Oralidade de Xaca e Elx…- e tamén internacionalmente: recén chegado de México, ten visitado ademais países como Francia, Brasil, Costa Rica, Colombia e Arxentina. Despois de “O león Kandinga”, o seu novo libro titúlase “A paso de tartaruga”, ambos publicados por KALANDRAKA.

“RATOS NA ESCOLA”, CON OLI

O escritor de Cangas Xosé Manuel González ‘Oli’ manterá un encontro coas lectoras e cos lectores este venres a partir das 18:00 horas en Libros para soñar (r/ Triunfo, 1) de Vigo. Trátase da primeira presentación literaria para público infantil que organiza a libraría nesta nova etapa, con inscrición previa e protocolos sanitarios. O autor daralles a coñecer a súa nova obra, “Ratos na escola”, continuación da serie ilustrada pola artista arxentina Natalia Colombo da que xa forman parte “Os ratos da casa” e “Ratos de viaxe”, publicados por KALANDRAKA.
Os protagonistas destas novas aventuras divírtense, aprenden e fan algunhas falcatruadas nas distintas dependencias dun centro de ensino, dende o ximnasio ata a biblioteca, pasando pola aula de música. Esta proposta de lectura para nenas e nenos a partir de 3 anos destaca pola súa estrutura rimada e encadeada; recursos que potencian a oralidade e o ritmo.
As ilustracións de “Ratos na escola” permanecen expostas na sala de actividades de Libros para soñar; unha proposta plástica chea de colorido e curiosos detalles: patinetes e cascos, material deportivo, instrumentos, pinturas ou libros son parte da variopinta escenogafía creada por Natalia Colombo.
Mestre de Primaria, tradutor, escritor e especialista en Literatura Infantil e Xuvenil, Xosé Manuel González ‘Oli’ é co-director da colección Seteleguas de KALANDRAKA, editorial na que tamén publicou “Once damas atrevidas”, “O pirata pata de lata” e “Artur”.

Ademais, Libros para soñar acollerá o vindeiro mércores 20 de outubro un encontro entre os escritores e narradores Paula Carballeira e Boniface Ofogo, a partir das 18:00 horas, con preinscrición no enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com.
Esta xuntanza literaria dirixida a público adulto enmárcase no ciclo Afinidades electivas organizado pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura. A autora galega e o contador camerunés conversarán arredor do valor da palabra e da súa transmisión oral.
22 ANOS DE LIBROS PARA SOÑAR

A libraría LIBROS PARA SOÑAR cumprirá 22 anos neste Día do Libro e vai celebralo cunha sesión especial de contos e música para nenas e nenos a partir de tres anos, coas súas familias. Será mañá sábado, a partir das 18:00 horas, coa participación de Zeltia e Rebeca. No seu repertorio haberá historias divertidas, emocionantes e con moito ritmo, que acompañarán interpretando varios instrumentos. Entre eles, Garavanciño, un conto tradicional adaptado por Olalla González e ilustrado por Marc Taeger.
Ademais de soprar as velas e compartir a torta de aniversario co público que asista ao encontro, tamén se realizará o sorteo dunha caixa de libros. Para participar abonda con facer unha compra, que facilitará dispoñer dun boleto. Entre todos os números, elexirase un ao chou.
As actividades de animación á lectura continuarán a próxima semana, para despedir este mes de abril, cunha sesión de contos para bebés. Para asistir a esta actividade, o mércores a partir das 17:30 horas, cómpre reservar praza chamando ao 986 43 37 68 ou enviando un correo electrónico a lps@kalandraka.com
ACTIVIDADES PRESENCIAIS A PARTIR DE OUTUBRO

A libraría Libros para soñar (rúa Triunfo, 1) de Vigo vai recuperar as actividades presenciais de animación á lectura o vindeiro mes de outubro, cunha nova programación que inclúe presentacións de libros, sesións de contacontos para bebés e para nenas e nenos a partir de catro anos, e unha nova exposición de ilustracións que, neste caso, xa se pode visitar. Trátase da obra da autora arxentina Natalia Colombo para “Ratos na escola”, un texto do autor cangués Xosé Manuel González ‘Oli’ publicado por KALANDRAKA.
Precisamente, Xosé Manuel González será o invitado da primeira presentación, o venres 8 de outubro. “Ratos na escola” é o terceiro volume dunha serie formada por “Os ratos da casa” e “Ratos de viaxe”, ilustrados igualmente por Natalia Colombo. Nesta nova entrega, os protagonistas acoden ao colexio, onde descobren algunhas das cousas poden facer nas súas aulas: pintar, ler, tocar instrumentos musicais… Como nos títulos anteriores, as imaxes sobresaen polo seu colorido e acentúan o ton divertido da obra, cunha estrutura narrativa rimada a base de palabras e versos encadeados.
A segunda presentación celebrarase o venres 22 de outubro co narrador oral camerunés Boniface Ofogo, que falará do seu novo libro no catálogo de KALANDRAKA, “A paso de tartaruga”, ilustrado por Rebeca Luciani, ademais de repasar outros títulos da súa autoría como “O león Kandinga”. Ambos son lendas tradicionais da milenaria cultura africana, na que o autor -con trinta anos de experiencia dedicándose a contar contos- é especialista.
CONTACONTOS PARA BEBÉS
Ademais dos encontros con autores, tamén volverán a Libros para soñar -que vén de cumprir 20 anos- as sesións de contacontos: a narradora Bea Campos e o músico Manuel Pombo van inaugurar o programa de actividades o vindeiro venres 1 de outubro cun repertorio de historias co lema “Os tres porquiños e outros contos”, no que destacan os relatos clásicos. As libreiras Sandra Senra e Carmela Sieiro participarán nos contacontos previstos os días 15 e 29, titulados “Ernesto e outros elefantes” e “Aurelio, un morcego que non dá medo”, respectivamente.
Canda as actividades para público infantil a partir de catro anos, tamén se retomarán as sesións especiais para bebés: serán os mércores 6 e 20 de outubro. Debido á limitación do aforo e ao reducido número de prazas, nas dúas datas haberá unha quenda dobre para favorecer a maior asistencia posible a estas actividades nas que se prioriza a estimulación sensorial e a psicomotricidade das meniñas e dos meniños con libros acordes á súa idade, cantos de berce ou cantigas tradicionais.
En todas as actividades aplicarase rigorosamente o protocolo sanitario, comezando pola inscrición previa das persoas interesadas a través do enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com.
“IMOS FACER UN LIBRO”, CON RAMÓN TRIGO
O artista vigués Ramón Trigo vai impartir un obradoiro de creación plástica co lema “Imos facer un libro”, dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos. Será unha actividade gratuita e realizarase en LIBROS PARA SOÑAR os días 1, 2 e 3 de setembro de 11:00 a 13:00 horas. A partir da súa ampla experiencia como autor e ilustrador duns corenta títulos, Ramón Trigo artellará unha proposta adaptada ao público infantil a través da aplicación de técnicas e materiais asequibles, primando o criterio lúdico e a participación.

O obxectivo do taller é estimular a imaxinación dos máis novos, que se manteñan activos durante as vacacións de verán, e que desenvolvan as súas habilidades desenvolvendo historias e personaxes, ao tempo que as nais e os pais atopan neste taller un apoio para poderen conciliar a vida laboral e familiar.
Ademais de autor e ilustrador, Ramón Trigo ten dirixido numerosos cursos para público infantil e adulto. De formación autodidacta, iniciou a súa traxectoria artística en xornais e revistas especializadas en banda deseñada. As súas primeiras obras pictóricas datan da década de 1980; dende entón ilustra libros para varias editoriais -algúns incluídos na selección The White Ravens- e realiza exposicións cos seus cadros e esculturas.
Ten presentado a súa obra en países como Alemaña, Bélxica, Lituania, Italia e Portugal. Entre as distincións que recibiu destacan o Premio Arte Xove Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Cidade de Alacant e Cabildo de Gran Canaria. Entre os seus libros para público infantil e xuvenil destacan « O pirata Pata de Lata» e « Leviatán», publicados por KALANDRAKA. Este último gañou o Premio Lazarillo 2012 e o Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración 2015 outorgado pola Asociación Galega de Editoras.
Precisamente, a balea que protagoniza «Leviatán» é un dos elementos de temática mariñeira que Ramón Trigo trasladou, en 2016, a unha parede de case 30 metros de lonxitude entre as rúas Marqués de Valladares e Torrecedeira. Non é o único gran mural realizado polo artista vigués na súa cidade, onde tamén pintou un muro de lonxitude semellante ao anterior no colexio Monte da Guía, en Teis.
O prazo de inscrición no taller “Imos facer un libro” xa está aberto, con prazas limitadas. As familias interesadas poden apuntarse en LIBROS PARA SOÑAR (rúa Triunfo 1, Vigo) chamando ao número de teléfono 986 43 37 68.
[Obradoiro organizado cunha axuda para actividades de difusión do libro e a lectura 2021 da Xunta de Galicia]
LIBROS PARA SOÑAR CUMPRE 20 ANOS NO DÍA DO LIBRO

LIBROS PARA SOÑAR celebra mañá o seu 20º aniversario coincidindo co Día do Libro. A libraría infantil e xuvenil do Casco Vello de Vigo vai compartir esta data tan especial coas lectoras e cos lectores ofrecendo o habitual desconto pola compra de exemplares. Ademais, a través das súas canles nas redes sociais, publicará un vídeo conmemorativo elaborado por KALANDRAKA TV repasando estas dúas décadas de traxectoria como especialista nos libros e na lectura para a infancia e a mocidade.
Unha das facetas que distinguiu a LIBROS PARA SOÑAR dende os seus inicios na rúa Triunfo foi a posta en marcha dunha programación estable de actividades de animación á lectura para nenos e nenas a base de contacontos, encontros con autores e ilustradores, exposicións de ilustración e obradoiros de plástica creativa. Co tempo, tamén foi a primeira libraría en realizar sesións específicas para bebés, asesorando os adultos sobre os materiais e os recursos máis axeitados para as primeiras idades.
Por LIBROS PARA SOÑAR teñen pasado destacadas figuras da Literatura Infantil e Xuvenil: autores como Xosé Manuel González ‘Oli’, Olalla González, Paula Carballeira, Fran Alonso, Tim Bowley… ilustradores como Ramón Trigo, Federico Fernández, Óscar Villán, Marc Taeger, David Pintor, Michael Grejniec… músicos como Paco Nogueiras, Xurxo Souto, Xabier Díaz… As actividades tamén abrangueron a formación dos adultos -profesorado, persoal de bibliotecas, mediación lectora, familias- con charlas formativas e cursos de contacontos.
A pandemia non permite -como xa sucedeu o pasado ano- celebrar este vixésimo cumpreanos coa tradicional festa de contos, música e petiscos. Durante este tempo de restricións por causas sanitarias e de responsabilidade social, a libraría adaptou os seus horarios e os seus servizos, mantendo o contacto coas lectoras e cos lectores a través das redes sociais e facendo envíos a domicilio. Dúas décadas que chegan en tempos de máscaras, distancias e hidroxel, mais con agradecemento ás familias, ás nenas e aos nenos que medraron visitando LIBROS PARA SOÑAR, e coa confianza de retomar a cercanía cando as circunstancias o permitan.

LIBROS PARA SOÑAR… CUMPRE 20 ANOS!

LIBROS PARA SOÑAR cumpre 20 anos este vindeiro 23 de abril, Día do Libro. Para celebrar este aniversario tan especial e compartilo coas nenas e nenos, coas familias, cos docentes, persoal das bibliotecas e da mediación lectora, e con todas as persoas que len e soñan connosco, dedicaremos cada venres deste mes a contar un conto.
Comezamos este 2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil, cun dos máis emblemáticos do catálogo de KALANDRAKA: “O coelliño branco”, co seu autor, Xosé Ballesteros. As ilustracións desta obra, de Óscar Villán, foron distinguidas co Premio Nacional de Ilustración 1999, entre otros recoñecementos. Moito rimos e desfrutamos coas andanzas deste entrañable personaxe tratando de librarse da cabra cabresa, cabraza, caburra…

Tampouco faltarán os simpáticos “Chibos chibóns”, “A Cebra Camila” co seu vestido de raias e probaremos “A que sabe a lúa?”, entre outras historias nas que tampouco faltarán a música e o baile.
Agardámosvos este luns para seguirmos celebrando o Día do Libro Infantil e Xuvenil cun desconto pola compra de libros. Ademais, a sala de actividades de LIBROS PARA SOÑAR estrea nova exposición, coas ilustracións alegres e coloridas de “Paxaros”, de Lucía Franco, para un poema-canción de Natacha Ortega.
