Saltar ao contido

RETOMAMOS AS SESIÓNS DE PROMOCIÓN DA LECTURA CON BEA CAMPOS E “A NENA E OS TRES OSOS”

Outubro 27, 2023

Libros para soñar recibe a narradora Bea Campos, que vai representar o espectáculo “A nena e os tres osos”. A libraría retoma así as sesións de contacontos habituais dos venres, a partir das 18:00 horas, para nenas e nenos dende 3 anos. Esta actividade enmárcase nun programa de promoción da lectura que conta co apoio do Ministerio de Cultura e Deportes a través do Plan de Fomento da Lectura 2021-2024.

Nesta ocasión, Bea Campos vai ofrecer unha peza visual baseada nun dos contos clásicos da literatura infantil e xuvenil que, en KALANDRAKA, ten dúas versións: “Os tres osos” e “Rizos de Ouro e os tres osos”, ambos con adaptación de Xosé Ballesteros e ilustracións de Miguel Tanco e Oliver Douzou, respectivamente.

A función que se vai representar mañá en Libros para soñar é unha proposta teatral con monicreques e cancións: unha divertida montaxe na que unha maleta pode ser unha casa, un caldeiro pódese converter nun asento e uns calcetíns transfórmanse nunha familia de osos.

Ata fin de curso, Libros para soñar acollerá unha sesión mensual no marco desta iniciativa, en torno a temáticas, xéneros e estilos diferentes: música, lingua de signos, artes plásticas…

PRÓXIMAS SESIÓNS

Paralelamente, a libraría infantil e xuvenil do Casco Vello vigués tamén retomou esta semana as sesións especiais de contacontos para bebés de 0 a 3 anos. A próxima está programada para o vindeiro 8 de novembro. Ademais, o vindeiro venres 3 de novembro acollerá a presentación do álbum “Os migrantes”, co seu autor, o xornalista e escritor chileno Marcelo Simonetti. A forma na que a infancia aborda -con naturalidade e sen prexuízos- o encontro con persoas diferentes, procedentes doutros países e culturas, é o eixe argumental deste libro, ilustrado por Maria Girón e publicado por KALANDRAKA.

No comments yet

Deixar un comentario