Saltar ao contido

CONCERTO-PRESENTACIÓN DE “PAXAROS”

Outubro 4, 2022

A libraría LIBROS PARA SOÑAR (Triunfo, 1) de Vigo acollerá este venres, 7 de outubro, a partir das 18:00 horas e con entrada libre ata completar o aforo, a presentación de “Paxaros”, un poema musical creado pola autora arxentina Natacha Ortega e mais a ilustradora uruguaia Lucía Franco. A elas súmase o músico Mauricio Gelardi que, xunto con Natacha, forman o grupo Dragón Dorado, que interpretará melodicamente os versos deste libro publicado por KALANDRAKA. Tamén participará, como invitado especial, o músico Paco Nogueiras.

Este espectáculo é o primeiro dunha xira que, co lema “Cantos e contos”, percorrerá Galicia, Madrid e Barcelona visitando librarías, centros culturais e escolas de formación do profesorado para ofrecer presentacións, obradoiros e concertos a base de música, poesía e baile. Con esta actividade LIBROS PARA SOÑAR retoma tamén as súas sesións de animación á lectura.

Elaborada en plena pandemia, a historia de “Paxaros” remite á capacidade das nenas e dos nenos para converteren o espazo público -prazas, parques, arboredas…- en territorios lúdicos de liberdade, creatividade e imaxinación. Natacha Ortega desenvolveu esta obra como parte dunha intervención urbana no marco do proxecto infantil Gato Peludo, baseado en habitar os lugares comúns. Ademais da sinxeleza do texto, un canto aos soños da infancia, as ilustracións de Lucía Franco destacan pola súa reducida paleta cromática de vermellos e azuis, con personaxes caracterizados con picos e alas.

Finalista do XIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, o libro complétase con códigos QR que permiten acceder ás tres versións da canción en galego, castelán e euskara interpretadas, respectivamente, por Paco Nogueiras, Dragón Dorado e Dana Moya: linguas diferentes unidas en irmandade a través dos versos e do ritmo para ler, cantar e contar.

Booktrailer do libro en KALANDRAKA TV
No comments yet

Deixar un comentario