ANTONIO RUBIO, ESTA SEMANA EN LIBROS PARA SOÑAR
O poeta Antonio Rubio, autor da colección “Do berce á lúa” para pre-lectores, de libros para público infantil como “Almanaque musical”, “Cores”, “Números”, e adaptacións de contos tradicionais como “A merliña” e “O poliño da abeleira”, publicados por KALANDRAKA, visitará esta semana LIBROS PARA SOÑAR. A primeira cita será este mércores, con dúas actividades: ás 17:30 horas participará na sesión de contos para bebés de 0 a 3 anos; e ás 19:00 horas ofrecerá unha sesión formativa co lema “Do berce á lúa: o traballo poético na escola”. Na primeira cómpre inscribirse previamente no enderezo electrónico lps@kalandraka.com, mentres que a segunda é aberta ao público.
Antonio Rubio centrará esta intervención na poesía e na súa importancia para a formación dos lectores. Nesta charla-encontro para adultos -educadores, nais e pais, bibliotecarios, mediadores…- o autor reflexionará sobre as estratexias máis axeitadas para fomentar nos nenos e nenas, xa dende o seu nacemento, o gusto pola palabra poética. Entre as súas propostas, Antonio Rubio falará sobre cómo recuperar e ordenar a memoria poética, recoñecer e utilizar estruturas e recursos da tradición oral para, a partir da poesía tradicional, avanzar cara ás novas creacións.
O autor toledano foi mestre durante 40 anos; un traballo que compaxinou coa súa faceta literaria, á que se sumou tamén a súa contribución á dinamización das bibliotecas escolares. Participa en cursos de animación lectora e de formación do profesorado. Dirixe a colección de poesía ‘Trece Lunas’ do selo Faktoría K de Libros. Ademais, colabora activamente en proxectos de dinamización pedagóxica como Acción Educativa e Pizpirigaña. É autor de numerosos libros: “7 Llaves de cuento”, “Versos vegetales”, “Tres cuentos de Urraca”, “El murciélago Aurelio” (próxima publicación).
Tralas sesións do mércores, Antonio Rubio volverá a LIBROS PARA SOÑAR o venres 6 de maio, como invitado especial da habitual sesión de contacontos, a partir das 18:30 horas. Neste encontro cos lectores, dirixido a maiores de 3 anos, contará contos e recitará poemas das súas obras.
Trackbacks