Saltar ao contido

22 ANOS DE LIBROS PARA SOÑAR

Abril 22, 2023

A libraría LIBROS PARA SOÑAR cumprirá 22 anos neste Día do Libro e vai celebralo cunha sesión especial de contos e música para nenas e nenos a partir de tres anos, coas súas familias. Será mañá sábado, a partir das 18:00 horas, coa participación de Zeltia e Rebeca. No seu repertorio haberá historias divertidas, emocionantes e con moito ritmo, que acompañarán interpretando varios instrumentos. Entre eles, Garavanciño, un conto tradicional adaptado por Olalla González e ilustrado por Marc Taeger.

Ademais de soprar as velas e compartir a torta de aniversario co público que asista ao encontro, tamén se realizará o sorteo dunha caixa de libros. Para participar abonda con facer unha compra, que facilitará dispoñer dun boleto. Entre todos os números, elexirase un ao chou.

As actividades de animación á lectura continuarán a próxima semana, para despedir este mes de abril, cunha sesión de contos para bebés. Para asistir a esta actividade, o mércores a partir das 17:30 horas, cómpre reservar praza chamando ao 986 43 37 68 ou enviando un correo electrónico a lps@kalandraka.com

No comments yet

Deixar un comentario