Saltar ao contido

CARME SOLÉ E XOSÉ COBAS, DOUS GRANDES ARTISTAS EN VIGO

Outubro 14, 2022

A ilustradora Carme Solé Vendrell e o ilustrador Xosé Cobas participarán o vindeiro martes, 18 de outubro, no encontro artístico e literario organizado pola libraría Libros para soñar (Triunfo, 1) de Vigo, no marco do ciclo Afinidades Electivas impulsado pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura. A sesión, co lema «Dous mares, a luz de dúas olladas», comezará ás 18:30 horas e está dirixida a público adulto. Ambos os artistas manterán un coloquio no que repasarán as súas respectivas traxectorias e compartirán impresións sobre o panorama da ilustración actual e a súa evolución.

Distinguida coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2021, co Premio Nacional de Ilustración 2013 polo conxunto da súa obra, co Premio Nacional de Cultura 2012 e candidata ao Premio Memorial Astrid Lindgren 2010, entre outros recoñecementos, Carme Solé editou o seu primeiro título en 1968 e suma máis de 700 obras ilustradas, entre álbums e libros de texto publicados en numerosos países. Os seus traballos que, ademais do eido editorial tamén abranguen a escenografía, a dramaturxia, o cartelismo e a animación, protagonizaron varias exposicións antolóxicas. Dende a década dos 90 compaxina a ilustración e a pintura e, nos últimos anos, é promotora da campaña «Why?» sobre os dereitos da infancia. É autora de clásicos como «A lúa de Xoán» e «Cepillo», aos que vén de incorporarse «Fab, o monstro amarelo», recuperados por KALANDRAKA.

A súa ollada mediterránea complementarase coa mirada atlántica de Xosé Cobas. Dende os seus inicios na pintura a finais dos 70, pasando pola escultura, a ilustración en prensa e o deseño gráfico, leva máis de 30 anos como ilustrador de literatura infantil e xuvenil, con máis de 200 títulos publicados. A súa obra expúxose en galerías de España, Europa e Latinoamérica. Foi distinguido cos premios Gourmand World Cookbook, Fetén, Díaz Pardo, Neira Vilas e Gala do Libro Galego, ademais de figurar na lista The White Ravens e na selección da Bienal de Bratislava. Durante máis de tres décadas compartiu traballo e amizade con Xabier P. Docampo, que culminaron co libro póstumo do escritor, «O pintor cego». Xosé Cobas acaba de ilustrar «Azucre», a novela de Bibiana Candia que se publicará proximamente en KALANDRAKA.

Esta xuntanza entre Carme Solé Xosé Cobas é unha das máis de 50 actividades seleccionadas este ano a nivel estatal polo Ministerio de Cultura co obxectivo de promocionar as librarías independentes e o labor das autoras e autores, salientando a pluralidade e a diversidade lingüística e creativa. Xa está aberta a inscrición no enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com

No comments yet

Deixar un comentario