Saltar ao contido

CON PAULA CARBALLEIRA E BONI OFOGO

Outubro 18, 2021

A galega Paula Carballeira e o camerunés Boniface Ofogo participarán este mércores 20 de outubro, a partir das 18:00 horas na libraría LIBROS PARA SOÑAR (Triunfo, 1) de Vigo, no encontro literario Afinidades electivas que promove a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura. Co lema “O valor da palabra e a transmisión oral”, compartirán a súa ampla experiencia como autores e narradores. Dirixido a público adulto e con aforo limitado, cómpre inscrición previa no enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com.

A obra de Paula Carballeira abrangue varios libros de poesía e de literatura infantil, entre os que destacan “O principio”, “Paco” e “Smara”, editados por KALANDRAKA. Con preto de 30 anos de experiencia como narradora, ten participado en programacións culturais tanto en Galicia como noutras partes de España, así como en Portugal, Brasil e Chile. Na súa outra faceta como actriz está vencellada ao grupo de teatro Berrobambán e tamén traballa en series de ficción para a TVG.

Orixinario dunha aldea do interior de Camerún, Boni Ofogo chegou a España en 1988 para estudar Filoloxía Hispánica e en 1992 comezou a traballar como narrador. Foi mediador intercultural no Concello de Madrid, pero dende 2005 dedícase en exclusiva a percorrer escolas, bibliotecas e centros culturais contando historias. É especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións da África negra. Ten actuado nos principais foros de narración a nivel estatal -Maratón de Contos de Guadalaxara, Fórum das Culturas de Barcelona, Festivais de Oralidade de Xaca e Elx…- e tamén internacionalmente: recén chegado de México, ten visitado ademais países como Francia, Brasil, Costa Rica, Colombia e Arxentina. Despois de “O león Kandinga”, o seu novo libro titúlase “A paso de tartaruga”, ambos publicados por KALANDRAKA.

No comments yet

Deixar un comentario