Saltar ao contido

“RATOS NA ESCOLA”, CON OLI

Outubro 6, 2021

O escritor de Cangas Xosé Manuel González ‘Oli’ manterá un encontro coas lectoras e cos lectores este venres a partir das 18:00 horas en Libros para soñar (r/ Triunfo, 1) de Vigo. Trátase da primeira presentación literaria para público infantil que organiza a libraría nesta nova etapa, con inscrición previa e protocolos sanitarios. O autor daralles a coñecer a súa nova obra, “Ratos na escola”, continuación da serie ilustrada pola artista arxentina Natalia Colombo da que xa forman parte “Os ratos da casa” e “Ratos de viaxe”, publicados por KALANDRAKA.

Os protagonistas destas novas aventuras divírtense, aprenden e fan algunhas falcatruadas nas distintas dependencias dun centro de ensino, dende o ximnasio ata a biblioteca, pasando pola aula de música. Esta proposta de lectura para nenas e nenos a partir de 3 anos destaca pola súa estrutura rimada e encadeada; recursos que potencian a oralidade e o ritmo.

As ilustracións de “Ratos na escola” permanecen expostas na sala de actividades de Libros para soñar; unha proposta plástica chea de colorido e curiosos detalles: patinetes e cascos, material deportivo, instrumentos, pinturas ou libros son parte da variopinta escenogafía creada por Natalia Colombo.

Mestre de Primaria, tradutor, escritor e especialista en Literatura Infantil e Xuvenil, Xosé Manuel González ‘Oli’ é co-director da colección Seteleguas de KALANDRAKA, editorial na que tamén publicou “Once damas atrevidas”, “O pirata pata de lata” e “Artur”.

Ademais, Libros para soñar acollerá o vindeiro mércores 20 de outubro un encontro entre os escritores e narradores Paula Carballeira e Boniface Ofogo, a partir das 18:00 horas, con preinscrición no enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com.

Esta xuntanza literaria dirixida a público adulto enmárcase no ciclo Afinidades electivas organizado pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura. A autora galega e o contador camerunés conversarán arredor do valor da palabra e da súa transmisión oral.

No comments yet

Deixar un comentario