Saltar ao contido

CONTACONTOS DE NADAL E PRESENTACIÓN DE ‘O BOLERO DE RAVEL’

Novembro 25, 2020

LIBROS PARA SOÑAR (rúa Triunfo, 1) retransmitirá este venres, a partir das 18:00 horas e a través das súas canles en Facebook e mais Instagram, unha nova sesión virtual de contacontos coa narradora Bea Campos e co músico Manuel Pombal. Dirixida a nenas e nenos a partir de seis anos e ás familias, o fío condutor das historias será o Nadal. Ademais das actividades en liña, a libraría infantil e xuvenil do Casco Vello vigués continúa realizando encontros presenciais: este sábado organiza unha presentación para público adulto -docentes, mediadores…- do libro musical “O Bolero de Ravel”, con dúas quendas ás 11:30 e ás 12:30 horas.

Despois de “As catro estacións: Vivaldi” ilustrado por Emilio Urberuaga, “O carnaval dos animais: Saint-Saëns” coa proposta plástica de João Vaz de Carvalho e “Cadros dunha exposición: Mussorgsky” con ilustracións de Xosé Cobas, a colección de música clásica -que presenta textos de José Antonio Abad realizados a partir das composicións- suma este afamado clásico de Maurice Ravel, con Federico Delicado como ilustrador.

Fronte aos títulos anteriores publicados en formato libro-disco, este novo título ofrece a posibilidade de escoitar distintas audicións do Bolero a través de códigos QR que conducen aos concertos de prestixiosas orquestras: Sinfónica de Galicia, Filharmónica de Viena…

Ademais, a libraría acolle unha exposición das ilustracións de Federico Delicado, nas que destaca a representación dos músicos como animais humanizados, coa particularidade de que as especies escollidas están en perigo de extinción. A presentación deste libro, a cargo da narradora Bea Campos, ten capacidade limitada, polo que cómpre inscrición previa no enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com.

A axenda de actividades do mes de decembro comezará o próximo mércores día 2 cunha sesión presencial de contacontos para bebés de 0 a 3 anos, impartida polas libreiras Sandra Senra e Carmela Sieiro. Atendendo á capacidade limitada da sala, realizarase en dúas quendas ás 17:30 e ás 18:15 horas, polo que cómpre inscribirse con antelación en lps@kalandraka.com.

DÍA DAS LIBRARÍAS

Novembro 10, 2020

LIBROS PARA SOÑAR retomará este venres -con motivo do Día das Librarías- as súas actividades de animación á lectura. As canles de LIBROS PARA SOÑAR en Facebook e Instagram ofrecerán, a partir das 18:00 horas, unha sesión de contacontos e música dirixida a nenas e nenos a partir de 6 anos, con Bea Campos e Manuel Pombal. Co lema Outono de contos e música, non faltarán «O coelliño branco» e as súas peripecias intentando preparar un caldo, xunto co clásico de Gianni Rodari «Que fai falta?», no centenario do autor, entre outras historias do catálogo de KALANDRAKA.

Ademais, os artistas vigueses Federico Fernández e Ramón Trigo visitarán LIBROS PARA SOÑAR a partir das 19:00 horas para asinar as súas obras, seguindo as medidas de seguridade sanitaria. As lectoras e lectores poderán contactar coa libraría para reservar exemplares e indicar a quen queren que os ilustradores llos dediquen. Federico Fernández é ilustrador do libro para pre-lectores «Aurelio», do conto tradicional «Chibos chibóns» e coautor do libro visual «Balea». Cunha ampla bibliografía, ademais de ilustrar «O pirata pata de lata», Ramón Trigo tamén é o artífice de «Leviatán» e doutras moitas publicacións.

Xunto con destes autores, será posible reservar exemplares e sinaturas da obra de Ledicia Costas, que estará en LIBROS PARA SOÑAR o próximo 20 de novembro.

LIBROS PARA SOÑAR continuará organizando contacontos con música ao longo de novembro e decembro, tanto para público infantil como para bebés, neste caso de forma presencial acompañados de adultos.

Mantendo o seu compromiso coa educación plástica dos máis cativos e coa posta en valor da arte, a sala de actividades de LIBROS PARA SOÑAR acolle ata finais de ano a exposición das ilustración do libro musical «O Bolero de Ravel», realizadas por Federico Delicado a partir dun texto de José Antonio Abad. Trátase de sorprendentes imaxes nas que os músicos que protagonizan a historia son animais humanizados representando especies en perigo de extinción.   Ambientadas nun escenario urbano, transportan as lectoras e os lectores a un memorable concerto que, ademais de música, tamén destaca pola luminosidade e o colorido de cada páxina. Ademais de «O Bolero de Ravel», a traxectoria de Federico Delicado tamén destaca por títulos como «Ícaro» (VII Premio Compostela de Álbum Ilustrado), «Mundinovi» (VIII Premio Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos), «O neno bisesto» e «Unha longa viaxe», entre outros. 

LIBROS PARA SOÑAR ABRE O 11 DE MAIO

Maio 6, 2020
tags:

Interior de LIBROS PARA SOÑAR

 

Estimadas amigas e amigos de LIBROS PARA SOÑAR

A libraría cumpriu 19 primaveras neste pasado mes de abril; foi un aniversario atípico e cheo de ausencias: sen contacontos, sen música, sen petiscos e, sobre todo, sen a vosa compañía. Unha terrible pandemia obrigounos a facer unha paréntese necesaria para velar pola saúde de todas e todos, malia que levou por diante a vida de milleiros de persoas.

Durante este longo tempo, de consignas como #QuedaNaCasa e de aplausos de recoñecemento a quen traballa arreo polo ben común, os libros e a cultura veñen sendo bálsamo e refuxio ante a desazón, no lento transcurso dos días. Dende LIBROS PARA SOÑAR tamén achegamos o noso gran de area aos Contos Contados de KALANDRAKA TV para acompañar as familias e apoiar a comunidade escolar nestes momentos.

Agora que a situación sanitaria xa ofrece datos alentadores e anúnciase unha progresiva recuperación da actividade interrumpida, estamos felices de comunicarvos que LIBROS PARA SOÑAR volverá abrir as súas portas o vindeiro 11 de maio. Retornamos coa ilusión do encontro, malia que impere a prudente distancia de seguridade: as palabras, os xestos e a expresión da mirada serán a alternativa ás apertas…

Establecerase un horario de 11:00 a 13:00h e de 17:30 a 19:30h para atender as visitas de xeito individual e seguindo os protocolos de protección. Poderanse enviar encargos por correo electrónico ao enderezo lps@kalandraka.com para a súa recollida na libraría. A partir do próximo luns tamén se responderán as consultas que desexedes formular a través do email de LIBROS PARA SOÑAR e ofreceremos asesoramento especializado e personalizado. Para facilitar as vosas lecturas, imos contar cun servizo de entrega a domicilio, áxil e asequible. E, para calquera cuestión urxente, estamos ao voso dispór no número de teléfono 986433768.

Ábrese unha nova etapa na que esperamos contar co apoio de todas e todos, que fixestes posible chegarmos ata aquí. Agardámosvos cos libros (e cos brazos) abertos!

 

Sandra Senra e Carmela Sieiro, libreiras de LIBROS PARA SOÑAR

HISTORIAS SILENCIOSAS

Febreiro 6, 2020

"Mientras tú duermes", de Mariana Ruiz Johnson (Kalandraka)

“Mentres ti dormes e outras historias silenciosas” é o lema da sesión de contacontos de mañá venres, dende as 18:30 horas en LIBROS PARA SOÑAR (rúa Triunfo, 1), destinada a nenas e nenos a partir de 4 anos. O fío condutor do repertorio de animación á lectura será unha obra da autora arxentina Mariana Ruiz Johnson, «Mientras tú duermes», que gañou o Silent Book Contest 2015. Trátase dun libro silente que, unicamente a través das ilustracións, conta unha historia a partir dunha escena na que unha nai lle conta un conto ao seu fillo antes de durmir.

Publicado por KALANDRAKA, «Mientras tú duermes» inaugura a colección Libros sen palabras, na que as ilustracións asumen toda a carga narrativa e emotiva do relato. Nesta obra, as lectoras e os lectores son trasladados dende o fogar da familia protagonista ata o exterior da casa, ampliando a viaxe ao barrio e máis aló da cidade, ata o mundo dos soños e da fantasía.

Os libros distinguidos co premio Silent Book Contest caracterízanse, ademais, por tender pontes entre persoas de diferentes países, idiomas e culturas, en tanto a ausencia de textos nunha lingua determinada favorece que non existan barreiras de comunicación, facilitando a interrelación en termos de diversidade, tolerancia e respecto.

Mariana Ruiz Johnson gañou este certame dous anos despois de ter recibido o VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado por «Mamá». No seu estilo destaca o colorido das ilustracións e o uso de texturas que reforzan a calidez das páxinas, nas que abundan os animais humanizados, as celebracións e a ledicia que se envolven nunha vexetación exuberante.

Tras estudar Artes Visuais no Instituto Universitario Nacional de Arte, en Bos Aires, Mariana Ruiz Johnson ampliou a súa formación na escola Sótano Blanco co ilustrador colombiano José Sanabria e mais en diversos obradoiros de ilustración. Os seus libros están presentes en Latinoamérica, Europa e Asia.

Libros para soñar: febreiro 2020

PRÓXIMAS ACTIVIDADES

«Mientras tú duermes» tamén centrará a sesión de contacontos para bebés, o vindeiro mércores 12 de febreiro ás 17:30 horas, con asistencia previa inscrición. As historias de amor, como «Crocodilo namorado», de Daniela Kulot, serán o tema do encontro lector do próximo venres 14. Seguiralle, xa en pleno Entroido, o venres 21, a sesión dedicada a contos como «O pequeno indio», de Ricardo Alcántara e Gusti.

Precisamente, a sala de exposicións de LIBROS PARA SOÑAR acolle neste mes as ilustracións deste último libro para prelectores e primeiros lectores. Son imaxes de trazos áxiles e dinámicos, con escenarios e cores ambientados nas paisaxes do Oeste americano, e cunha expresiva proposta gráfica que reflicte o tránsito da ficción á realidade.

Exposición de ilustracións de Gusti

CONTOS POLO PLANETA

Xaneiro 23, 2020

"Que fai falta?", de Gianni Rodari e Silvia Bonanni (Kalandraka)

LIBROS PARA SOÑAR dedicará a sesión de contacontos de mañá venres, a partir das 18:30 horas, á sensibilización medioambiental cun repertorio de historias que teñen o coidado do planeta como fío condutor. A actividade, aberta a público infantil a partir de 4 anos, completarase cun obradoiro de reciclaxe e de estampación con materiais naturais.

O repertorio de contos comezarán con “Que fai falta?”, un clásico de Gianni Rodari recuperado por KALANDRAKA neste 2020, coincidindo co ano do centenario do autor e pedagogo italiano. Esta obra, ilustrada con collages de Silvia Bonanni, narra de xeito sinxelo o proceso de construcción dunha mesa dende a materia prima ata un sorprendente orixe relacionado coa natureza.

"A horta de Simón", de Rocío Alejandro (Kalandraka)

A natureza tamén está moi presente en “A horta de Simón”, de Rocío Alejandro, galardoado co X Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e co Premio da Fundación Cuatrogatos 2019. O seu protagonista é un coello que vai plantar cenorias, pero que verá ampliados os cultivos a petición da veciñanza.

E dun conto sobre o traballo colaborativo, a outro que alenta a educación ambiental dende a infancia: “A árbore da escola”, de Antonio Sandoval e Emilio Urberuaga, ambiéntase nun colexio onde un neno coida da única árbore que medra no patio, animando o resto do alumnado a axudarlle nesa tarefa.

"A árbore da escola", de Antonio Sandoval e Emilio Urberuaga (Kalandraka)

PRÓXIMAS ACTIVIDADES

A programación de LIBROS PARA SOÑAR neste mes completarase cunha sesión de contos para bebés, o próximo mércores ás 17:30 horas, previa inscrición no enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com. A libraría infantil e xuvenil do Casco Vello tamén se sumará ao Día Escolar da Non Violencia e da Paz, que se conmemora cada 30 de xaneiro. Así, o venres 31 a sesión de contacontos estará dedicada a libros que, como “A historia de Erika”, “O nacemento do dragón” ou “O principio”, rexeitan as guerras e enxalzan a tolerancia e a convivencia.

Por outra banda, durante este mes a sala de exposicións está dedicada ao libro “O pequeno indio”, ilustrado por Gusti. O artista arxentino tamén é o artífice das imaxes que acompañan o texto de “O pirata valente”, ambos escritos por Ricardo Alcántara.

OLI PRESENTA “RATOS DE VIAXE”

Novembro 7, 2019

Oli

O profesor e escritor Xosé Manuel González ‘Oli’, presenta o seu novo libro para público infantil, “Ratos de viaxe”, mañá venres, a partir das 18:30 horas. Publicada por KALANDRAKA, é unha divertida historia para pre-lectores e primeiros lectores protagonizada por uns simpáticos roedores que emprenden unha excursión ata a praia.

As rimas, o ritmo poético e o xogo de palabras encadeadas son algúns dos recursos nos que se apoia Oli para potenciar a oralidade e a participación das nenas e dos nenos na narración. Este libro é a continuación de “Os ratos da casa”, no que se contan as peripecias destes intrépidos personaxes na cociña dunha vivenda, onde descobren gorentosas comidas e larpeiradas.

A ilustradora de ambas obras é a artista arxentina Natalia Colombo, de cuxa traxectoria destaca que foi galardoada co I Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. A súa proposta artística tanto en “Os ratos da casa” como en “Ratos de viaxe” consiste en plasmar o ambiente de ledicia, humor e emoción no que transcorren os textos a través de imaxes con cores luminosas e cheas de detalles.

A sesión de contacontos completarase coas aventuras do elefante multicolor creadas por David McKee e traducidas ao galego por Oli: “Elmer” e “Elmer e o osiño perdido” son clásicos da Literatura Infantil nos que se enxalza a tolerancia e o respecto polas diferenzas.

Mestre de Primaria, tradutor e escritor, Oli tamén é especialista en literatura infantil-xuvenil e co-director da colección Seteleguas de KALANDRAKA. Nesta editorial tamén ten publicados os álbums “Once damas atrevidas“, “O pirata pata de lata” e “Artur“. Ademais, ten sido responsable das páxinas de literatura infantil da Revista Galega de Educación.

“OS NOSOS BOSQUES”, CON MIUDIÑO

Outubro 18, 2019

"Os nosos bosques" (Miudiño)

LIBROS PARA SOÑAR segue artellando a súa programación de actividades de animación á lectura arredor do outono coa presentación, esta tarde a partir das 18:30 horas, de “Os nosos bosques”. Trátase dun libro da cooperativa galega Miudiño que amosa, con fermosas ilustracións de acuarela, a riqueza da biodiversidade que atesouran as arboredas de especies autóctonas, dende as fragas atlánticas ás devesas lucenses, pasando polas carballeiras e os soutos repartidos polo país.

Incluído na colección “Coñecer para amar”, esta obra de Diego García, Judit Santos, Clara Cerviño e Andrea Soto invita a descubrir estes espazos naturais cheos de vida, coñecer a fauna e a flora que habita neles, valorar o medio ambiente para protexelo e conservalo das ameazas que poñen en perigo, como a contaminación ou os incendios.

No seu encontro co público infantil, os autores de “Os nosos bosques” explicarán o proceso cooperativo de creación do libro e artellarán propostas lúdicas arredor dos contidos da obra para achegar as nenas e os nenos ao amplo abano de animais e plantas que se atopan neste ecosistema.

"Pequenos salvaxes" e "Pequenos da casa" (Kalandraka)

Por outra banda, LIBROS PARA SOÑAR iniciará a próxima semana a nova tempada de contacontos para bebés, con asistencia limitada previa inscrición. A primeira sesión celebrarase o mércores 23 ás 17:30 horas, co lema “Pequenos de casa”, arredor do libro de tea que, con este título, acaba de publicar KALANDRAKA.

Criaturas próximas como o can, o gato ou a ovella, están representados en páxinas de suaves tecidos coloreados con tintas non tóxicas. Canda este título, “Pequenos salvaxes” reúne animais alleos ao ámbito doméstico; ambos acompáñanse cunha proposta poética para favorecer a intercomunicación cos bebés.

"Os esqueletos divertidos" (Kalandraka)

Por último, a libraría infantil e xuvenil do Casco Vello vigués adiantarase ao Samaín cunha sesión de contacontos de medo, o vindeiro venres 25 ás 18:30 horas, na que non faltarán o clásico “Os esqueletos divertidos”, de Janet e Allan Ahlberg, e o conto rimado “Un dous tres, vampiro ti es”, de Nadia Budde, entre outras lecturas.

Durante este mes de novembro, ademais, a sala de actividades de LIBROS PARA SOÑAR acolle una exposición das ilustracións da artista arxentina María Elina Méndez para o relato titulado “O lobo de area”, da autora nórdica Åsa Lind, traducido ao galego por Antón Lado.

XOGANDO COAS LETRAS

Outubro 3, 2019
tags: ,

Aurelio, Juego de letras, O pirata Pata de Lata (Kalandraka)

LIBROS PARA SOÑAR retoma mañá venres, a partir das 18:30 horas, a súa programación de actividades de animación á lectura, trala paréntese estival. A primeira sesión de contacontos, co lema “Xogamos coas letras, xogamos cos contos”, ofrecerá un repertorio que servirá como despedida do verán e benvida ao novo curso escolar. Ademais, esta semana remúdase a exposición de ilustracións, que estará dedicada á obra de María Elina Méndez para o libro “O Lobo de Area”, editado por KALANDRAKA.

Outra das obras que seguen expostas en LIBROS PARA SOÑAR e que aínda poderán admirarse durante uns días máis é o mural elaborado polas nenas e nenos que participaron no obradoiro impartido por Ramón Trigo. Precisamente, para darlle a despedida a este fermoso traballo de temática mariña, cheo de peixes e de barcos, un dos contos que centrará a sesión de animación á lectura será “O pirata Pata de Lata”, ilustrado polo artista vigués.

Pasadas as vacacións e co alumnado xa de volta na escola, LIBROS PARA SOÑAR súmase á dinámica das aulas alentando o coñecemento e a aprendizaxe de xeito lúdico e a través da lectura. “Aurelio”, do poeta Antonio Rubio e do ilustrador -tamén vigués- Federico Fernández, será outra das historias que acheguen as nenas e os nenos ás vogais e ao xogo de construír palabras. Do mesmo autor, tamén “Juego de letras”, ilustrado polo Premio Nacional Óscar Villán, permitirá que se acheguen ás letras e ao abecedario cunha proposta dinámica e participativa.

CURSO DE CONTACONTOS

Curso de Contacontos

Por outra parte, aínda quedan prazas no curso de contacontos para adultos que impartirá a actriz e narradora Beatriz Campos en LIBROS PARA SOÑAR, organizado por Migallas Teatro. As sesións realizaranse os luns 7 e 14, e os mércores 9 e 16 deste mes, de 16:30 a 19:30 horas. Está dirixido a docentes, bibliotecarios, mediadores de lectura, xestores culturais e público en xeral.

Beatriz Campos artellará ás clases en tres partes: unha primeira sobre a clasificación dos álbums ilustrados por idades, temática e formato, con mostras dos materiais existentes no mercado. Abordará como organizar unha sesión de contacontos en función dos intereses e expectativas do público, atendendo especialmente á posta en valor da tradición oral, do cancioneiro popular e o legado cultural das xeracións pasadas. Finalmente, a través de xogos de expresión e de exercicios de relaxación, vanse practicar técnicas para aprender a contar.

Beatriz Campos é licenciada en Arte Dramática pola ESAD de Vigo. Forma parte de varias compañías de teatro e participou na webserie “Dálle Jas!”, mención do Bilbao Web Fest. Traballou en programas da TVG e actualmente é presentadora na canle de televisión dixital KALANDRAKA TV. Leva vencellada ao teatro dende a nenez na compañía Migallas, coa que representou numerosas obras e desenvolveu campañas infantís como “Á procura do tesouro” no Concello de Pontevedra, que aínda segue en vigor. Tamén traballou no equipo de animación á lectura de KALANDRAKA realizando sesións de contos e música en escolas, librarías e bibliotecas. Nos últimos anos imparte as sesións para bebés “Entre arrolos e contiños” e as sesións de narración oral “Contos nas orellas”, coa que estivo de xira en Latinoamérica. Foi intérprete no documental “Pelo Gato 24”, colabora en espectáculos de improvisación e imparte clases de teatro afeccionado e cursos formativos sobre expresión oral e narración para o profesorado.

NA FEIRA DO LIBRO DE VIGO

Xuño 27, 2019

Caseta de LIBROS PARA SOÑAR na Feira do Libro de Vigo

O PEIXE ARCODAVELLA agárdavos dende hoxe e ata o 6 de xullo na Feira do Libro de Vigo. Atoparalo nadando placidamente na caseta de LIBROS PARA SOÑAR, entre lecturas para todas as idades, para todos os gustos, de todos os xéneros literarios… E se ademais de levar algún libro, queres que se convirta nun tesouro, non perdas a oportunidade de telo dedicado polo autor:
-xoves 4 de xullo ás 19h, Xosé Manuel González-Oli asinará “Ratos de viaxe” e outras obras.
-sábado 6 ás 19h, Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos asinarán “Versos e viceversos“, o poemario que presentarán o venres 5 ás 20h na carpa de actividades. Estarán acompañados pola escritora An Alfaya e Lurdes López cantará varios poemas musicados.

Actividade na Feira do Libro de Vigo

Actividade na Feira do Libro de Vigo

 

OBRADOIRO DE VERÁN ‘IMOS FACER UN MURAL’

Xuño 21, 2019

Imos facer un mural

O artista vigués Ramón Trigo vai impartir un obradoiro de ilustración co lema “Imos facer un mural”, dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos. Realizarase en LIBROS PARA SOÑAR os días 10, 11 e 12 de xullo, de 11:00 a 13:00 horas. A partir da súa experiencia na elaboración de murais urbanos de gran formato, Ramón Trigo artellará unha proposta adaptada ao público infantil a través da aplicación de técnicas e materiais asequibles, primando o criterio lúdico e a participación.

O obxectivo do taller é estimular a imaxinación dos máis novos, que se manteñan activos tamén durante as vacacións de verán, e que desenvolvan as súas habilidades na creación de personaxes e historias, ao tempo que as nais e os pais atopan nesta actividade un apoio para poderen conciliar a vida laboral e familiar.

Ademais de autor e ilustrador, Ramón Trigo ten dirixido numerosos obradoiros para público infantil e adulto. De formación autodidacta, iniciou a súa traxectoria artística en xornais e revistas especializadas en banda deseñada. As súas primeiras obras pictóricas datan da década de 1980; dende entón ilustra libros para varias editoriais -algúns incluídos na selección The White Ravens- e realiza exposicións cos seus cadros e esculturas.

Ramón Trigo en LIBROS PARA SOÑAR

Ten presentado a súa obra en países como Alemaña, Bélxica, Lituania, Italia e Portugal. Entre as distincións que recibiu destacan o Premio Arte Xove Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Cidade de Alicante e Cabildo de Gran Canaria. Entre os seus libros para público infantil e xuvenil destacan “O pirata Pata de Lata” e “Leviatán”, publicados por KALANDRAKA. Este último gañou o Premio Lazarillo 2012 e o Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración 2015 outorgado pola Asociación Galega de Editores.

Precisamente, a balea que protagoniza “Leviatán” é un dos elementos de temática mariñeira que Ramón Trigo trasladou, en 2016, a unha parede de case 30 metros de lonxitude entre as rúas Marqués de Valterra e Torrecedeira. Non é o único gran mural realizado polo artista vigués, que tamén pintou un muro de lonxitude semellante ao anterior no colexio Monte da Guía, en Teis.

O prazo de inscrición no taller “Imos facer un mural” xa está aberto, con prazas limitadas, e o prezo da actividade é de 30 euros. Durante cada xornada haberá unha pausa para a merenda que leve cada neno ou nena. As familias interesadas poden apuntarse en LIBROS PARA SOÑAR (rúa Triunfo 1, Vigo) por teléfono no número 986 43 37 68 ou por correo electrónico no enderezo lps@kalandraka.com.

Web do artista: http://www.ramontrigo.com

Web Vigo Ciudad de Color: http://ciudaddecolor.vigo.org/ramon-trigo