Saltar ao contido

NÚRIA FIGUERAS E ANNA FONT PRESENTAN “A VISITA”

Novembro 15, 2023

LIBROS PARA SOÑAR recibe este venres as autoras de «A visita», Núria Figueras e Anna Font. Trátase da obra distinguida co XVI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, un certame organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA. Núria Figueras e Anna Font completan a súa estadía en Galicia acudindo á libraría infantil e xuvenil do Casco Vello vigués onde, a partir das 18:00 horas, participarán nunha sesión de contacontos para presentar o seu libro e asinar exemplares.

«A visita» conta que unha pequena raposiña ignora as indicacións da súa nai que lle advirte de non deixar entrar a ninguén na cova e deixa pasar o Silencio. Tralo temor a unha presenza que inicialmente a intimida, resulta ser un hóspede moi especial que lle aprende a bailar ao compás do seu corazón e a escoitar os seus pensamentos.

As autoras van debullar as distintas lecturas que ofrece «A visita», como o papel positivo do Silencio para axudarnos a reflexionar, practicar a introspección, coñecernos e saber que sentimos. Dende o punto de vista literario a obra destaca por tomar pinceladas dos contos clásicos, establecer un diálogo áxil e tenro entre os personaxes e manexar recursos estilísticos que dan como resultado un relato delicioso, orixinal e necesario.

Aínda que a historia transcorre en plena noite, as páxinas de «A visita» son luminosas e coloridas: dende un bosque de vexetación esquemática, cun cromatismo exuberante e repleto de matices, adentrámonos nun cálido tobo onde destaca a simpática figura da raposa e os trazos sinxelos cos que se representa algo tan intanxible e invisible como o Silencio.

Para esta actividade especial, dirixida a nenas e nenos a partir de tres anos, LIBROS PARA SOÑAR loce no seu escaparate unha instalación artística realizada por Tete Núñez ‘Pecas-pita’ a partir dos personaxes de «A visita».

No comments yet

Deixar un comentario