FEIRA DO LIBRO DE VIGO: SINATURAS NA CASETA DE LIBROS PARA SOÑAR
LIBROS PARA SOÑAR contará coa caseta número 7 na Feira do Libro, que abrirá mañá ao público na Porta do Sol, ata o 10 de xullo. Ademais das propostas que ofrece o programa da feira nesta fin de semana, a caseta de LIBROS PARA SOÑAR recibirá a visita de Paco Nogueiras, intérprete da música e das cancións do libro-disco “Brinca Vai!”, publicado por KALANDRAKA. Paco Nogueiras asinará exemplares este sábado a partir das 19:00 horas.
Ademais, o vindeiro mércores 6 de xullo, ás 20:00 horas, achegaranse ata a caseta de LIBROS PARA SOÑAR os artistas plásticos vigueses Federico Fernández e Germán González Pintos, autores de “Balea”, un libro visual despregable que asinaron como Fernández & González. Ataviados cos traxes amarelos que caracterizan os habitantes do peculiar vehículo submarino que crearon, con forma de cetáceo, Federico Fernández e Germán González tamén dedicarán exemplares da súa obra e interactuarán co público que se achegue a velos, explicándolles o funcionamento deste enxeño mecánico.
Precisamente, a figura da “Balea” de Fernández & González e os motivos mariños e pesqueiros, decoran este ano a caseta de LIBROS PARA SOÑAR, facéndoa máis atractiva ao público.
“Balea”, que recibiu unha mención do xurado no VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, é un gran mural de dobre cara, pregado como un acordeón: por un lado representa o exterior do artiluxio no fondo do mar, rodeado de algas e de peixes; ao darlle a volta á lámina, permite ver o interior deste artefacto e todo o que acontece nas súas numerosas estancias, cheas de curiosos personaxes que se encargan de poñela en movemento na sala de control, preparar comida na cociña, facer exercicio no ximnasio, cultivad plantas nunha horta, e así ata máis dun cento de escenas para que os lectores poidan crear as súas propias historias a partir das ilustracións.
En canto a “Brinca Vai!”, o proxecto discográfico de Paco Nogueiras, que conta con ilustracións de David Pintor e vídeos elaborados por José Miguel Sagüillo, recibiu recentemente o Premio Martín Códax 2016 na categoría de música infantil. As estacións do ano, festas tradicionais como o magosto, a amizade ou a natureza, forman parte do amplo abano temático das composicións, a ritmo de estilos tan diversos como rap, rock, reggae ou techno, con influencias da música tradicional galega.
Trackbacks