Saltar ao contido

A LIBRARÍA LIBROS PARA SOÑAR CELEBRA O SEU 15 ANIVERSARIO NESTE DÍA DO LIBRO

Abril 21, 2015

Libros para Soñar: r/ Triunfo, 1. Vigo

A libraría infantil LIBROS PARA SOÑAR, do Casco Vello vigués, cumprirá 15 anos coincidindo co Día do Libro, este xoves. Como é tradición, na propia data do 23 de abril, as compras de libros terán un 10% de desconto. A celebración do 15º aniversario realizarase o venres, no marco da sesión de contacontos habitual, a partir das 18:30 horas. Nesta festa de cumpreanos participarán autores de contos, narradores, e non faltarán nin a música nin os petiscos para agasallar a todos os nenos e nenas, nais e pais, que participen no encontro.

LIBROS PARA SOÑAR abriu as súas portas para ofrecerlles ás familias ―e ás crianzas en particular― unha selección da mellor literatura infantil e xuvenil que se está a publicar, cunha especial consideración á produción editorial en galego. Como libraría especializada, tamén se converteu nun referente para os educadores, bibliotecarios, mediadores e animadores no eido da infancia e da cultura.

Nos seus 15 anos de traxectoria, LIBROS PARA SOÑAR ten destacado por desenvolver unha programación continua ―ao longo do curso escolar― de sesións de contacontos e obradoiros de plástica creativa; non só para nenos e nenas partir de 4 anos, senón que nos últimos tempos incorporáronse tamén sesións de contos para bebés de 0 a 3 anos, que teñen unha alta demanda e moito seguemento por parte das familias, cada vez máis sensibilizadas na importancia dos libros e da lectura dende os primeiros anos de vida dos seus fillos e fillas.

Sesión para bebés.

Ademais das actividades infantís, LIBROS PARA SOÑAR organiza cursos de formación para adultos, relacionados coa narración oral e as técnicas interpretativas con monicreques ou sombras chinesas. Encontros con autores e ilustradores, presentacións de libros e sinatura de exemplares, charlas sobre animación á lectura ou proxeccións audiovisuais complementan a oferta de servizos da libraría.

Presentación de "Os ratos da casa", con Oli.

Xunto cunha ampla variedade de títulos e xéneros ―álbum ilustrado, materiais de tea e de madeira, libros de arte, libro-discos, narrativa, poesía― para lectores de todas as idades, outra faceta destacable en LIBROS PARA SOÑAR é a relacionada coa exposición de ilustracións para que, ao tempo que se realizan os contacontos, estas actividades de animación á lectura se fagan nun ambiente propicio para favorecer asimesmo a sensibilidade pola arte e pola creatividade estética en todo o seu abano de técnicas e de estilos. Durante este mes de abril, pódense contemplar os debuxos que ilustran o conto rimado “Os ratos da casa”, realizadas pola ilustradora arxentina Natalia Colombo, que foi a gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.

Exposición de ilustracións de Natalia Colombo: "Os ratos da casa".

Exposición de ilustracións de Natalia Colombo: "Os ratos da casa".

Exposición de ilustracións de Natalia Colombo: "Os ratos da casa".

One Comment leave one →

Trackbacks

  1. Kalandraka - Blog K

Deixar un comentario