ACTIVIDADES PRESENCIAIS A PARTIR DE OUTUBRO

A libraría Libros para soñar (rúa Triunfo, 1) de Vigo vai recuperar as actividades presenciais de animación á lectura o vindeiro mes de outubro, cunha nova programación que inclúe presentacións de libros, sesións de contacontos para bebés e para nenas e nenos a partir de catro anos, e unha nova exposición de ilustracións que, neste caso, xa se pode visitar. Trátase da obra da autora arxentina Natalia Colombo para “Ratos na escola”, un texto do autor cangués Xosé Manuel González ‘Oli’ publicado por KALANDRAKA.
Precisamente, Xosé Manuel González será o invitado da primeira presentación, o venres 8 de outubro. “Ratos na escola” é o terceiro volume dunha serie formada por “Os ratos da casa” e “Ratos de viaxe”, ilustrados igualmente por Natalia Colombo. Nesta nova entrega, os protagonistas acoden ao colexio, onde descobren algunhas das cousas poden facer nas súas aulas: pintar, ler, tocar instrumentos musicais… Como nos títulos anteriores, as imaxes sobresaen polo seu colorido e acentúan o ton divertido da obra, cunha estrutura narrativa rimada a base de palabras e versos encadeados.
A segunda presentación celebrarase o venres 22 de outubro co narrador oral camerunés Boniface Ofogo, que falará do seu novo libro no catálogo de KALANDRAKA, “A paso de tartaruga”, ilustrado por Rebeca Luciani, ademais de repasar outros títulos da súa autoría como “O león Kandinga”. Ambos son lendas tradicionais da milenaria cultura africana, na que o autor -con trinta anos de experiencia dedicándose a contar contos- é especialista.
CONTACONTOS PARA BEBÉS
Ademais dos encontros con autores, tamén volverán a Libros para soñar -que vén de cumprir 20 anos- as sesións de contacontos: a narradora Bea Campos e o músico Manuel Pombo van inaugurar o programa de actividades o vindeiro venres 1 de outubro cun repertorio de historias co lema “Os tres porquiños e outros contos”, no que destacan os relatos clásicos. As libreiras Sandra Senra e Carmela Sieiro participarán nos contacontos previstos os días 15 e 29, titulados “Ernesto e outros elefantes” e “Aurelio, un morcego que non dá medo”, respectivamente.
Canda as actividades para público infantil a partir de catro anos, tamén se retomarán as sesións especiais para bebés: serán os mércores 6 e 20 de outubro. Debido á limitación do aforo e ao reducido número de prazas, nas dúas datas haberá unha quenda dobre para favorecer a maior asistencia posible a estas actividades nas que se prioriza a estimulación sensorial e a psicomotricidade das meniñas e dos meniños con libros acordes á súa idade, cantos de berce ou cantigas tradicionais.
En todas as actividades aplicarase rigorosamente o protocolo sanitario, comezando pola inscrición previa das persoas interesadas a través do enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com.