Saltar ao contido

“IMOS FACER UN LIBRO”, CON RAMÓN TRIGO

Agosto 11, 2021

O artista vigués Ramón Trigo vai impartir un obradoiro de creación plástica co lema “Imos facer un libro”, dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos. Será unha actividade gratuita e realizarase en LIBROS PARA SOÑAR os días 1, 2 e 3 de setembro de 11:00 a 13:00 horas. A partir da súa ampla experiencia como autor e ilustrador duns corenta títulos, Ramón Trigo artellará unha proposta adaptada ao público infantil a través da aplicación de técnicas e materiais asequibles, primando o criterio lúdico e a participación.

O obxectivo do taller é estimular a imaxinación dos máis novos, que se manteñan activos durante as vacacións de verán, e que desenvolvan as súas habilidades desenvolvendo historias e personaxes, ao tempo que as nais e os pais atopan neste taller un apoio para poderen conciliar a vida laboral e familiar.

Ademais de autor e ilustrador, Ramón Trigo ten dirixido numerosos cursos para público infantil e adulto. De formación autodidacta, iniciou a súa traxectoria artística en xornais e revistas especializadas en banda deseñada. As súas primeiras obras pictóricas datan da década de 1980; dende entón ilustra libros para varias editoriais -algúns incluídos na selección The White Ravens- e realiza exposicións cos seus cadros e esculturas.

Ten presentado a súa obra en países como Alemaña, Bélxica, Lituania, Italia e Portugal. Entre as distincións que recibiu destacan o Premio Arte Xove Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Cidade de Alacant e Cabildo de Gran Canaria. Entre os seus libros para público infantil e xuvenil destacan « O pirata Pata de Lata» e « Leviatán», publicados por KALANDRAKA. Este último gañou o Premio Lazarillo 2012 e o Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración 2015 outorgado pola Asociación Galega de Editoras.  

Precisamente, a balea que protagoniza «Leviatán» é un dos elementos de temática mariñeira que Ramón Trigo trasladou, en 2016, a unha parede de case 30 metros de lonxitude entre as rúas Marqués de Valladares e Torrecedeira. Non é o único gran mural realizado polo artista vigués na súa cidade, onde tamén pintou un muro de lonxitude semellante ao anterior no colexio Monte da Guía, en Teis.

O prazo de inscrición no taller “Imos facer un libro” xa está aberto, con prazas limitadas. As familias interesadas poden apuntarse en LIBROS PARA SOÑAR (rúa Triunfo 1, Vigo) chamando ao número de teléfono 986 43 37 68.

[Obradoiro organizado cunha axuda para actividades de difusión do libro e a lectura 2021 da Xunta de Galicia]

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: