LIBROS PARA SOÑAR CUMPRE 20 ANOS NO DÍA DO LIBRO

LIBROS PARA SOÑAR celebra mañá o seu 20º aniversario coincidindo co Día do Libro. A libraría infantil e xuvenil do Casco Vello de Vigo vai compartir esta data tan especial coas lectoras e cos lectores ofrecendo o habitual desconto pola compra de exemplares. Ademais, a través das súas canles nas redes sociais, publicará un vídeo conmemorativo elaborado por KALANDRAKA TV repasando estas dúas décadas de traxectoria como especialista nos libros e na lectura para a infancia e a mocidade.
Unha das facetas que distinguiu a LIBROS PARA SOÑAR dende os seus inicios na rúa Triunfo foi a posta en marcha dunha programación estable de actividades de animación á lectura para nenos e nenas a base de contacontos, encontros con autores e ilustradores, exposicións de ilustración e obradoiros de plástica creativa. Co tempo, tamén foi a primeira libraría en realizar sesións específicas para bebés, asesorando os adultos sobre os materiais e os recursos máis axeitados para as primeiras idades.
Por LIBROS PARA SOÑAR teñen pasado destacadas figuras da Literatura Infantil e Xuvenil: autores como Xosé Manuel González ‘Oli’, Olalla González, Paula Carballeira, Fran Alonso, Tim Bowley… ilustradores como Ramón Trigo, Federico Fernández, Óscar Villán, Marc Taeger, David Pintor, Michael Grejniec… músicos como Paco Nogueiras, Xurxo Souto, Xabier Díaz… As actividades tamén abrangueron a formación dos adultos -profesorado, persoal de bibliotecas, mediación lectora, familias- con charlas formativas e cursos de contacontos.
A pandemia non permite -como xa sucedeu o pasado ano- celebrar este vixésimo cumpreanos coa tradicional festa de contos, música e petiscos. Durante este tempo de restricións por causas sanitarias e de responsabilidade social, a libraría adaptou os seus horarios e os seus servizos, mantendo o contacto coas lectoras e cos lectores a través das redes sociais e facendo envíos a domicilio. Dúas décadas que chegan en tempos de máscaras, distancias e hidroxel, mais con agradecemento ás familias, ás nenas e aos nenos que medraron visitando LIBROS PARA SOÑAR, e coa confianza de retomar a cercanía cando as circunstancias o permitan.
