ACTIVIDADES DESTE NADAL EN LIBROS PARA SOÑAR
LIBROS PARA SOÑAR celebrará este venres día 13, a partir das 18:30 horas, a presentación da colección de inverno de CASA K, unha firma de moda infantil con sede en Bueu, que se dedica ao deseño de prendas para nenos e nenas de 2 a 7 anos estampadas cos protagonistas dos contos de KALANDRAKA. “Renato”, de Manolo Hidalgo, e “O coelliño branco” máis “A Cebra Camila”, creados por Óscar Villán, son os personaxes que se asoman na nova liña de pixamas, co lema “Para vestir de conto”.
A coordinadora de Casa K, Olalla González, visitará LIBROS PARA SOÑAR para contar os relatos nos que se inspiraron estas prendas, elaboradas con tecidos de algodón 100% e co selo de calidade Oeko-Tex.
Tras unha breve paréntese motivada pola remodelación da sala de exposicións e de animación á lectura, LIBROS PARA SOÑAR ten programada unha completa axenda de actividades para este Nadal dirixidas ao público infantil e familiar.
Tamén se retoman as sesións para bebés de 0 a 3 anos. A primeira cita será este mércores 18 ás 17:30 horas, coa participación do músico Luis Prego: profesor de música e de baile tradicional, director de varias agrupacións folclóricas, investigador do folclore tradicional galego, é autor dos libros “Para cantar e bailar” e “Xogos musicais”. Neste último basearase para achegar os máis pequenos ao ritmo e á música.
Outra visita importante prevista para o vindeiro venres 20 será a de María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro, que presentarán o seu libro-disco “Pan de millo”.
Ademais, durante este mes estarán expostas ao público as ilustracións cheas de colorido e natureza exótica de “Mamá”, a obra coa que a arxentina Mariana Ruiz Johnson vén de gañar o VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.