Saltar ao contido

PAULA CARBALLEIRA PRESENTA ‘O PRINCIPIO’ EN VIGO

Xuño 5, 2012

A autora, actriz e narradora Paula Carballeira visitará LIBROS PARA SOÑAR este XOVES 7 de xuño, ás 18:00h. para presentar o seu novo álbum ilustrado: “O principio” está ilustrado pola artista plástica alemana Sonja Danowski e foi publicado por KALANDRAKA en galego, castelán, catalán, éuscaro, portugués, inglés e italiano. Trátase dun libro para lectores a partir de 7 anos que, malia reflectir a dureza da guerra, transmite unha mensaxe esperanzadora.

A tenrura e o agarimo fronte o horror e a violencia, a imaxinación ante a precariedade e a destrucción, ou a fortaleza para superar o drama humano, son as reflexións que plantexa esta obra. Paula Carballeira é quen de poetizar sobre os efectos crueis e devastadores dun conflicto bélico mentres as ilustracións realistas de Sonja Danowski trasladan os lectores ata as mesmas ruínas dos bombardeos. “O principio” tamén é unha homenaxe aos libros e ás bibliotecas como ferramentas pacíficas e instrumentos para fomentar a tolerancia e o achegamento a través do coñecemento e da palabra.

Na presentación de “O principio”, a polifacética autora galega ofrecerá unha sesión de contos para nenos e nenas a partir de 3 anos. Ademais da súa faceta como escritora de literatura infantil e de poesía, Paula Carballeira tamén destaca como actriz de teatro vencellada ao grupo Berrobambán, e intérprete en series de ficción para a Televisión de Galicia. Como narradora oral participou en programacións culturais non só en Galicia, senón tamén en España, Portugal, Brasil e Chile.

En canto a Sonja Danowski, participou en exposicións celebradas en países como Alemaña, Polonia, China ou Corea. Foi seleccionada para participar na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, así como na Bienal Ilustrarte, de Portugal.

Coa presentación de “O principio” e a visita de Paula Carballeira, LIBROS PARA SOÑAR remata a tempada de actividades infantís de animación á lectura, que retornarán despois do verán

 

No comments yet

Deixar un comentario