Saltar ao contido

FELICIDADE CLANDESTINA

Xuño 11, 2012

“Felicidade Clandestina” é un relato da escritora brasileira Clarice Lispector que fala do desexo, do placer da anticipación, da maxia da lectura na infancia. Partindo deste texto a biblioteca da Facultade de Educación de A Coruña  propúxolle ó seu alumnado que escribira o seu propio relato sobre un libro da súa nenez que tivera para eles un significado especial. Entre todos eles escolleríanse dez que se exporían, xunto cunha foto da portada do libro, no “recuncho de lectura” da biblioteca. Os autores dos dous mellores textos, a xuicio do xurado, recibirían como agasallo un lote de libros cedidos polas editorias Kalandraka e Estaleiro Editora.

Kalandraka elexiu para o agasallo dos futuros mestres e mestras cinco libros  representativos da súa liña editorial e do seu compromiso cun xeito moi concreto de entender a literatura infantil: dous clásicos incuestionables publicados en galego por primeira vez, “Onde viven os monstros” de Maurice Sendak e “No bosque” de Anthony Browne; “O coelliño branco”, adaptación dun conto popular portugués, escrito por Xosé Ballesteros e ilustrado por Óscar Villán, que acadou o Premio Nacional de ilustración no ano 1999; e dúas das súas últimas novidades, “Artur e Clementina”primeiro dos libros que pretende recuperar a mítica colección  de Adela Turín “A favor de las niñas”, e o fermosísimo libro “O Principio” de Paula Carballeira e Sonja Danowski.

 

A entrega dos libros e a inauguración da exposición fíxose o pasado 4 de Xuño na propia biblioteca da Facultade e a lectura pública dos dez relatos finalistas terá lugar en LIBROS PARA SOÑAR A CORUÑA o mércores 13 de xuño ás

18 :00 horas.

Estades todos invitados a acompañarnos!

Podedes consultar a lista dos finalistas e ler os seus relatos aquí.

Deixar un comentario