Skip to content

ANDEL DE CLÁSICOS: MIFI

Xuño 3, 2012
tags:

Dick Bruna publicou o primeiro libro no que aparece a coelliña Mifi (“De appel” ) no ano 1955. Comezaba neses anos unha época brillante para o álbum ilustrado, tanto que moitos críticos consideran que é aí onde poderiamos situar o seu verdadeiro nacemento. Nos últimos anos da década dos 50 e ó longo dos dez seguintes, Leo Lionni publicaría “Pequeno Azul e Pequeño Amarelo”; Ann e Paul Rand “Chispas e Cascabeles”; Iela Mari “O globo vermello” ; Maurice Sendak, “Onde viven os monstros”, Tomi Ungerer “The Mellops go flying”. Moitos destes artistas, como o propio Bruna, viñan do mundo do deseño e a publicidade, que tamén estaba a experimentar  unha revolución.

De feito Dick Bruna, que era fillo dun dos editores máis importantes de Holanda, despois de cursar estudios en Londres e París (teóricamente  para seguir os pasos do seu pai e o seu avó ó frente da editorial) e quedar fascinado pola obra de artistas como Matisse, Leger ou Picasso, acabou desenvolvendo a súa carreira no mundo do deseño gráfico ilustrando as portadas de moitos dos libros da editorial, sobre todo novela negra na súa colección de peto.

Segundo conta o propio autor a inspiración para Mifi chegoulle a través do seu fillo, ao que lle contaba historias dun pequeno coello que vivía nas dunas da praia onde pasaban os veráns e que se converteu en coella a primeira vez que a debuxou (di Bruna que foi porque non lle apetecía poñerlle pantalóns ó seu coelliño). O que sería o primeiro libro da serie apareceu en 1963 e marcou claramente a liña que ían seguir todos os libros posteriores. O ilustrador tiña na cabeza unha imaxe clara: a obra de Matisse e, para a súa propia creación, quería basearse sobre todo nos seus últimos traballos feitos a modo de collages; como o seu admirado artista Bruna buscaba a máxima simplicidade e, sen dúbida, logrouna.

Mifi ten unha estética moi limpa, clara e alegre; o ilustrador traballa sempre con cinco cores: branca, amarela, azul, verde e vermella. Presenta conceptos simples, cunha linguaxe moi sinxela que utiliza para reflectir as experiencias cotiás da coelliña, experiencias coma as dos seus propios fillos e comúns a moitos nenos pequenos. Bruna nunca perdeu de vista a idade dos nenos ós que dirixía e dirixe os seus libros e ata o tamaño dos mesmos é axeitado para as súas pequenas mans, así como o material que  se utiliza en case todas as edicións do mundo.

Esa simplicididade extrema ten un traballo longo e meticuloso detrás . A nosa percepción dos seus libros está hoxe moi mediatizada pola abundancia de imaxes da coelliña en todo tipo de productos: camisetas, xoguetes, pixamas, series de televisión… que pouco ou nada teñen que ver coa literatura (a peaxe do éxito no mundo actual), pero non deixa de ser unha demostración do xenio do ilustrador conseguir que un debuxo pensado para nenos prelectores acade esa universalidade.

Para apreciar como merece o seu valor hai que deterse un pouquiño nos seus libros: ao contemplar a claridade dos seus debuxos, a economía dos textos, un non pode evitar preguntarse cómo é posible conseguir tanta expresividade con tan pouco.

Para os nenos, que son os que importan, os libros de Mifi son inmediatamente recoñecibles. A coelliña é un deles e da súa man van observando e descubrindo o mundo no que están de estrea. Por iso sempre hai un rinconciño para ela no noso andel de clásicos.

.

    

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: