Saltar ao contido

AS CATRO ESTACIÓNS EN VIGO

Maio 31, 2012

O autor José Antonio Abad visitará mañá, venres 1 de xuño, a partir das 18:30 horas, a libraría LIBROS PARA SOÑAR VIGO para presentar a súa última obra, “As catro estacións”, editada por KALANDRAKA. Trátase dun libro-disco que presenta un texto bucólico ambientado nun bosque onde Abad describe os cambios que vai experimentando a natureza co paso da primavera, do verán, do outono e do inverno.

A presentación estará amenizada en directo por dúas xóvenes intérpretes de violín, que intercalarán diversas composicións de Vivaldi ao longo da actividade, que é aberta ao público. No disco que acompaña o libro de “As catro estacións”, é a prestixiosa violinista estadounidense Sarah Chang (Filadelfia, 1980) -acompañada pola Orpheus Chamber Orchestra- quen interpreta as partituras desta célebre peza instrumental barroca.

O encontro dos lectores con José Antonio Abad realizarase coa ambientación escénica axeitada para a ocasión, xa que na sala de actividades de LIBROS PARA SOÑAR están expostas as ilustracións que o artista plástico Emilio Urberuaga (Madrid, 1954), gañador do Premio Nacional de Ilustración 2011, realizou para esta obra.

José Antonio Abad Varela (A Coruña, 1940) é psicólogo e pedagogo, e especialista en proxectos educativos. Dirixiu o Departamento de Divulgación da Música na Orquestra Sinfónica de Galicia. Organizou o Programa Municipal ‘Descubrir a música’ do Concello da Coruña, os ‘Domingos con música’ do Museo de ArteContemporánea Unión Fenosa, e concertos didácticos en varias cidades españolas. Ademais de “As catro estacións”, tamén é autor do libro-disco “O oso fabuloso”, editado igualmente por KALANDRAKA.

No comments yet

Deixar un comentario