Saltar ao contido

PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL ‘A HISTORIA DE TOMI UNGERER’

Setembro 29, 2014

Proxección do documental "A historia de Tomi Ungerer" (CANAL+Xtra).

LIBROS PARA SOÑAR (Triunfo nº 1, Vigo) acollerá este venres 3 de outubro, a partir das 18:30 horas, a proxección do documental “A historia de Tomi Ungerer”, escrito e dirixido por Brad Bernstein. CANAL+ Xtra emitiuno na súa programación e agora, con motivo do inicio da nova tempada de actividades de LIBROS PARA SOÑAR, preséntase nun acto dirixido a público adulto, especialmente profesionais vencellados á ilustración, ao deseño e á docencia artística.

O documental resume en 94 minutos as 40 horas de entrevista que Bernstein mantivo con Ungerer, que repasa a súa vida, as súas cinco décadas de traxectoria profesional e as súas múltiples facetas creativas, dende a literatura infantil e xuvenil ata os seus traballos máis subversivos de temática política, anti-bélica ou erótica, pasando polas súas incursións na publicidade ou na escultura. As súas palabras e ilustracións animadas combínanse con intervencións doutros debuxantes coetáneos, como Maurice Sendak ou Jules Feiffer.

 

Por outra banda, os álbums ilustrados de Tomi Ungerer para público infantil centrarán a sesión de contacontos para público infantil a partir de 4 anos que se celebrará o vindeiro venres 10 de outubro, ás 18:30 horas. Ademais de repasar a súa obra máis coñecida, “Os tres bandidos”, o repertorio completarase con “Adelaida”, “Críctor” e “Onde está o meu zapato?”, recuperados recentemente por KALANDRAKA.

Tomi Ungerer (Estrasburgo, 1931), que xa foi galardoado co Premio Hans Christian Andersen en 1998 e co Premio Europeo de Cultura en 1999, vén de recibir en Francia a Orde Nacional do Mérito.

No comments yet

Deixar un comentario