Skip to content

LIBROS PARA SOÑAR RETOMA AS ACTIVIDADES EN OUTUBRO

Setembro 19, 2014

Bea Campos contos "Os tres bandidos" na sesión do 12º aniversario de LPS-Vigo.

LIBROS PARA SOÑAR retomará en outubro o seu programa de actividades de animación á lectura con novas sesións de contos para bebés e cos contacontos habituais dos venres para nenos e nenas a partir de 4 anos. Na sala de exposicións poderanse coñecer as obras dos ilustradores cuxos libros formarán parte do repertorio dos narradores. Ademais, as nais e os pais serán partícipes das actividades con convocatorias específicas para público adulto. Todas as sesións son de balde e abertas ao público.

-Venres 3 de outubro, 18:30 horas: proxección do documental “A historia de Tomi Ungerer”. Será unha sesión inaugural diferente na que, en vez dos nenos e nenas, estean pais e nais, educadores, profesionais do eido da ilustración e público adulto en xeral interesado na obra desde autor e ilustrador, que acaba de ser galardoado coa Orde Nacional do Mérito concedida pola República Francesa. Este documental, escrito e dirixido por Brad Bernstein, resume en 94 minutos as 40 horas de entrevista que Bernstein mantivo co artista, que repasa a súa vida, as súas cinco décadas de traballo e as súas múltiples facetas creativas.

-Venres 10 de outubro, 18:30 horas: sesión de contacontos para público infantil, co lema “Contos de Tomi Ungerer”. Non faltarán clásicos como “Os tres bandidos”, “Críctor”, “Adelaida” e a nova incorporación ao catálogo de KALANDRAKA, “Onde está o meu zapato?”.

-Mércores 15 de outubro, 17:30 horas: Charla para pais, nais e embarazadas, co título “Animación á lectura de 0 a 3 anos”. Esta sesión informativa precede o inicio da nova campaña de contacontos para bebés. Os futuros pais e nais, así como os pais e nais con fillos e fillas ata 3 anos, poderán coñecer os beneficios dos libros dende idade temperá, con materiais axeitados a cada etapa (tea, cartón, madeira…), e consellos para favorecer a súa formación dende o berce a través dos arrolos, dos ditos e recitados recuperados da tradición oral, e dos textos rimados a través dos chamados pictogramas poéticos ou poegramas.

-Venres 17 de outubro, 18:30 horas: “Quen é ese becho?”, de Carmen Queralt, será o título que protagonizará esta sesión, coincidindo co lanzamento desta publicación de KALANDRAKA, dirixida a pre-lectores e primeiros lectores. Rematará cun obradoiro de collage que consistirá nunha proposta plástica para que os nenos e nenas poidan crear e darlle forma aos bechos que imaxinen.

-Venres 24 de outubro, 18:30 horas: Coincidindo coa publicación do libro “Mis robots en pijamarama”, os asistentes á sesión achegaranse á técnica do “ombro-cinéma”, na que as ilustracións cobran vida grazas a un efecto óptico. Con este sistema creáronse os libros “Nueva York en pijamarama” e “Luna Parc en pijamarama”, ambientados na cidade dos rañaceos e nun parque de atraccións, respectivamente. Esta nova entrega animará os lectores a debuxar e colorear os seus propios robots con sinxelas instruccións. Tralos contos, haberá un obradoiro de plástica creativa.

-Mércores 29 de outubro: 17:30 horas: Sesión para bebés co lema “Contos de bichiños”, na que se contará o conto “Quen é ese becho?”, protagonizado por animais de distintos tamaños, cores e formas. Resulta idóneo para estimular o recoñecemento do entorno e as descricións a base de textos sinxelos.

-Venres 31 de outubro, 18:30 horas: “O Samaín, contos de medo” é o lema da derradeira sesión do mes, dedicada a esta celebración tradicional galega. Un relato tradicional como “Tío Lobo” e un clásico como “Un pesadelo no meu armario” serán algunhas das lecturas propostas.

Na sala de exposicións poderanse admirar as ilustracións de Carmen Queralt para o libro “Quen é ese becho?”, publicado por KALANDRAKA en sete linguas. Consta de imaxes realizadas coa técnica do collage, moi vistosas esteticamente polo colorido, o estilo esquemático dos personaxes e a súa expresividade.

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: