Saltar ao contido

PRESENTACIÓN DE “NON HAI ESCAPATORIA”

Xullo 2, 2012

O pasado venres 29 de xuño, Tim Bowley e Óscar Villán presentaron na libraría de A Coruña o seu libro “Non hai escapatoria e outros contos marabillosos”.

Trátase dun libro de relatos ilustrados que continúa o ronsel dun volume anterior, titulado “O Rei Oso Branco e outros contos marabillosos”.

Nesta nova entrega, Tim Bowley volve presentar outra escolma dos mellores contos do seu amplo repertorio como narrador, protagonizados por criaturas máxicas, personaxes da nobreza en míticos reinos, ou heroes solitarios. As ilustracións de Óscar Villán preceden cada relato, creando o clima de lectura idóneo con imaxes descritivas, non exentas de efectos suxerentes e sorprendentes.

 

Tim, que ten percorrido o mundo como narrador, agasallou a maiores e pequenos coas súas historias. Non podiamos deixar de rir coa historia do corvo e o polbo ou co inxenio de Amelia para conseguir convencer ó seu pai de que lle permitise ter un canciño na casa.

Escoitamos tamén  “Xaime e as landras”.

Despois Óscar e Tim firmaron exemplares dos seus libros. Cada un ó seu xeito: Tim con palabras, Óscar con debuxos.

Que privilexio ter os dous con nós na libraría! Estámoslles moi agradecidas pola súa xenerosidade.

Grazas tamén a todos ós que se achegaron onda nós, na que foi a derradeira actividade de Venres ata despois do verán.

One Comment leave one →

Trackbacks

  1. Kalandraka - Blog K

Deixar un comentario