OLI PRESENTA “RATOS DE VIAXE”
O profesor e escritor Xosé Manuel González ‘Oli’, presenta o seu novo libro para público infantil, “Ratos de viaxe”, mañá venres, a partir das 18:30 horas. Publicada por KALANDRAKA, é unha divertida historia para pre-lectores e primeiros lectores protagonizada por uns simpáticos roedores que emprenden unha excursión ata a praia.
As rimas, o ritmo poético e o xogo de palabras encadeadas son algúns dos recursos nos que se apoia Oli para potenciar a oralidade e a participación das nenas e dos nenos na narración. Este libro é a continuación de “Os ratos da casa”, no que se contan as peripecias destes intrépidos personaxes na cociña dunha vivenda, onde descobren gorentosas comidas e larpeiradas.
A ilustradora de ambas obras é a artista arxentina Natalia Colombo, de cuxa traxectoria destaca que foi galardoada co I Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. A súa proposta artística tanto en “Os ratos da casa” como en “Ratos de viaxe” consiste en plasmar o ambiente de ledicia, humor e emoción no que transcorren os textos a través de imaxes con cores luminosas e cheas de detalles.
A sesión de contacontos completarase coas aventuras do elefante multicolor creadas por David McKee e traducidas ao galego por Oli: “Elmer” e “Elmer e o osiño perdido” son clásicos da Literatura Infantil nos que se enxalza a tolerancia e o respecto polas diferenzas.
Mestre de Primaria, tradutor e escritor, Oli tamén é especialista en literatura infantil-xuvenil e co-director da colección Seteleguas de KALANDRAKA. Nesta editorial tamén ten publicados os álbums “Once damas atrevidas“, “O pirata pata de lata” e “Artur“. Ademais, ten sido responsable das páxinas de literatura infantil da Revista Galega de Educación.