“OS NOSOS BOSQUES”, CON MIUDIÑO
LIBROS PARA SOÑAR segue artellando a súa programación de actividades de animación á lectura arredor do outono coa presentación, esta tarde a partir das 18:30 horas, de “Os nosos bosques”. Trátase dun libro da cooperativa galega Miudiño que amosa, con fermosas ilustracións de acuarela, a riqueza da biodiversidade que atesouran as arboredas de especies autóctonas, dende as fragas atlánticas ás devesas lucenses, pasando polas carballeiras e os soutos repartidos polo país.
Incluído na colección “Coñecer para amar”, esta obra de Diego García, Judit Santos, Clara Cerviño e Andrea Soto invita a descubrir estes espazos naturais cheos de vida, coñecer a fauna e a flora que habita neles, valorar o medio ambiente para protexelo e conservalo das ameazas que poñen en perigo, como a contaminación ou os incendios.
No seu encontro co público infantil, os autores de “Os nosos bosques” explicarán o proceso cooperativo de creación do libro e artellarán propostas lúdicas arredor dos contidos da obra para achegar as nenas e os nenos ao amplo abano de animais e plantas que se atopan neste ecosistema.
Por outra banda, LIBROS PARA SOÑAR iniciará a próxima semana a nova tempada de contacontos para bebés, con asistencia limitada previa inscrición. A primeira sesión celebrarase o mércores 23 ás 17:30 horas, co lema “Pequenos de casa”, arredor do libro de tea que, con este título, acaba de publicar KALANDRAKA.
Criaturas próximas como o can, o gato ou a ovella, están representados en páxinas de suaves tecidos coloreados con tintas non tóxicas. Canda este título, “Pequenos salvaxes” reúne animais alleos ao ámbito doméstico; ambos acompáñanse cunha proposta poética para favorecer a intercomunicación cos bebés.
Por último, a libraría infantil e xuvenil do Casco Vello vigués adiantarase ao Samaín cunha sesión de contacontos de medo, o vindeiro venres 25 ás 18:30 horas, na que non faltarán o clásico “Os esqueletos divertidos”, de Janet e Allan Ahlberg, e o conto rimado “Un dous tres, vampiro ti es”, de Nadia Budde, entre outras lecturas.
Durante este mes de novembro, ademais, a sala de actividades de LIBROS PARA SOÑAR acolle una exposición das ilustracións da artista arxentina María Elina Méndez para o relato titulado “O lobo de area”, da autora nórdica Åsa Lind, traducido ao galego por Antón Lado.