Saltar ao contido

‘OS CONTOS DA AVOA PEPA’, COS AUTORES

Maio 16, 2019

Manolo Figueiras e Francisco Fernández Naval

Os contos da avoa Pepa” é o novo libro do escritor Francisco Fernández Naval e do ilustrador Manolo Figueiras, publicado por KALANDRAKA e que vén de ser galardoado co Premio Gala do Libro 2019 ao mellor Libro Infantil. A obra atesoura a memoria dos maiores ante as doenzas que anulan as súas lembranzas e evoca a Galicia de antano, con menos comodidades e sen os adiantos tecnolóxicos de hoxe en día, pero coa autenticidade e co encanto da paisaxe e da paisanaxe rural. No relato están presentes as historias que pasaban de xeración en xeración, dende os contos de fórmula e os xogos tradicionais, ata as adiviñas, as cantigas ou as fábulas. Os autores visitarán LIBROS PARA SOÑAR de Vigo (Triunfo, 1) o vindeiro venres 24 de maio, ás 18:30 horas, para manter un encontro coas nenas e os nenos.

Nesta obra, Francisco Fernández Naval convértese en transmisor dun legado de valor incalculable que transcende o plano da oralidade para ficar por escrito con palabras cheas de nostalxia e de afecto, portadoras dun potente caudal de sensacións e de sentimentos, que se deleitan na descrición detallada dos lugares, dos diálogos. “Os contos da avoa Pepa” tece un conxunto de relatos como bálsamo contra o esquecemento.

O cromatismo e a luminosidade das ilustracións de Manolo Figueiras reforzan a mensaxe deste libro sobre un mundo marabilloso no que todo podía e debía ser contado, tamén o misterioso e o inverosímil, o fantástico, o triste e o alegre. Son imaxes de estilo naíf con calado simbólico e intimista nas que a figuración humana convive coa contorna recreada: un suave realismo mestúrase coa abstracción e cos xogos xeométricos, en planos superpostos.

“Os contos da avoa Pepa” súmase ao medio cento de obras das que Fernandez Naval é autor, entre literatura infantil, novela para adultos e xuvenil, relatos, poesía, ensaio, teatro, guións audiovisuais e guías de viaxes. O autor tamén traduciu ao galego os textos doutros escritores. Ten recibido os premios Cidade de Ourense de poesía (1980 e 2007), Xerais de novela (1988), Fiz Vergara Vilariño (2010), Irmandade do Libro (2012) e Ánxel Casal (2014).

Pintor e escultor, Manolo Figueiras é un dos creadores máis destacados do panorama galego. Compaxina a arte co seu traballo como profesor no Ensino Medio. Na súa produción -coa que ten participado en varias exposicións- destacan as series sobre mitoloxía clásica e os retratos de artistas. Ten ilustrado libros de poesía de Rosalía de Castro, Pepe Cáccamo e Antón Riveiro Coello, entre outros autores. Tamén elaborou as placas cerámicas do roteiro A Esmorga, en Ourense.

Actividades de LIBROS PARA SOÑAR en maio

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: