ASÍ FOI O ‘DÍA DE ELMER’ EN LIBROS PARA SOÑAR
Sandra e Carmela prepararon unha sesión de contacontos moi especial para despedir a tempada de actividades de animación á lectura de LIBROS PARA SOÑAR. Na véspera do Día Mundial de Elmer, este 26 de maio, o elefante multicolor creado por David McKee foi o protagonista dun repertorio ao que se sumaron outras criaturas dos bosques e da sabana.
“Había unha vez unha manda de elefantes. Elefantes novos, elefantes vellos, elefantes altos, elefantes gordos e delgados. Elefantes dunha maneira e doutra, todos diferentes, pero todos felices e da mesma cor. Todos menos Elmer. Elmer era diferente. Elmer era de cores…”
E logo dos contos, un animado taller de plástica no que nen@s e maiores gozaron coloreando con pintura de dedos diversas siluetas de Elmer. Non faltou quen lles deu o seu toque persoal engadindo ceras e lapis ás manchas estampadas directamente coas mans sobre o papel…
Así, a mostra de ilustracións de Elmer que decora a sala de actividades de LIBROS PARA SOÑAR vaise completar nestes días coas figuras coloreadas pola rapazada. Permanecerán expostas ao público durante o verán, para que os visitantes da libraría poidan admirar o talento, a creatividade e a espontaneidade das crianzas personalizando esta icónica figura, na que o seu creador atopou na obra de Paul Klee a súa fonte de inspiración.
Porque como sabemos, grazas á historia de Elmer, todos somos iguais pero ao mesmo tempo tamén somos diversos; todos somos valiosos polas nosas cualidades, e aceptámonos do mesmo xeito que respectamos os demais coas súas diferenzas.
Por iso Elmer ocupa un lugar ben destacado en LIBROS PARA SOÑAR. Un clásico da Literatura Infantil e Xuvenil contemporánea que comezou a publicarse hai 30 anos e que xa podemos volver ler en galego editado por KALANDRAKA, con tradución de Xosé Manuel González ‘Oli’.