Skip to content

‘DÍA MUNDIAL DE ELMER’ EN LIBROS PARA SOÑAR

Maio 22, 2018

 

Elmer, de David McKee (Kalandraka)

LIBROS PARA SOÑAR anticípase este venres á celebración, o sábado 26, do Día Mundial de Elmer. O personaxe creado polo ilustrador británico David McKee -recentemente publicado en galego por KALANDRAKA- será a figura central dunha homenaxe simultánea nos numerosos países nos que se publican as súas aventuras. A libraría infantil do Casco Vello de Vigo organiza unha sesión de contacontos a partir das 18:30 horas e un taller de plástica creativa no que as nenas e os nenos participantes pintarán a figura do elefante multicolor, que quedará exposta ao público.

Canda Elmer, outras historias protagonizadas por diversos animais da selva completarán o repertorio desta sesión de animación á lectura, a derradeira do curso. A sesión especial de contos para bebés do vindeiro mércores día 30, ás 17:30 horas, tamén será a última da tempada.

Ao longo dos últimos meses, LIBROS PARA SOÑAR mantivo un intenso programa de actividades no que non faltaron presentacións literarias e visitas de autores como Xosé Ballesteros coa súa adaptación do clásico “Os tres porquiños”, ademais de Olalla González e Marc Taeger, creadores de “Un máis”. Tamén contou con artistas como o vigués Ramón Trigo, que impartiu un taller de ilustración, e actividades musicais da man de intérpretes como Susa Herrera e César Freiría á fronte do proxecto Cé Orquestra Pantasma, xunto co concerto de Paco Nogueiras presentando as cancións de “Radio Bulebule”, e grupos como Pesdelán e A Banda dos Cueiros.

Ademais, LIBROS PARA SOÑAR soprou o pasado mes de abril as velas do seu 17º aniversario cunha festa na que os invitados foron os usuarios da propia libraría, tanto adultos como nenas e nenos lectores que foron medrando nela neste tempo.

Tamén o personaxe estrela de David McKee está de aniversario. Este próximo Día Mundial de Elmer celébrase no ano no que se van cumprir 30 anos dende a publicación do seu primeiro libro, aínda que as versións primixenias das ilustracións remóntanse a 1968. Inspirándose na obra do artista Paul Klee, o autor logrou consolidar entre o público infantil de todo o mundo unha icona contemporánea que simboliza a amizade e que aborda con humor e simpatía as dificultades para aceptarnos tal como somos, recoñecendo e poñendo en valor o que nos diferenza dos demais.

Pola súa contribución á Literatura Infantil, David McKee recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio Hans Christian Andersen en 2006.

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: