Saltar ao contido

OLALLA GONZÁLEZ E MARC TAEGER PRESENTAN ‘UN MÁIS’

Outubro 30, 2017

Olalla González e Marc Taeger, autores de "Un máis"

LIBROS PARA SOÑAR acollerá este venres 3 de novembro, a partir das 18:30 horas, a presentación de “Un máis”, o novo álbum ilustrado de Olalla González e Marc Taeger, publicado por KALANDRAKA e dirixido a primeiros lectores. Trátase dunha historia protagonizada por unha familia que vai medrar coa chegada dun bebé. As ilustracións desta obra permanecerán expostas na libraría durante o todo o mes.

O relato céntrase na curiosidade do personaxe principal, un pequeno coello, polo tempo que tardará en nacer o seu irmán ou irmá; unha dúbida que lle traslada de xeito insistente non só á súa nai, senón tamén a outros habitantes do bosque. Mentres, o coelliño imaxina os xogos que poderán compartir xuntos.

Tenrura, solidariedade, ledicia, emoción -e unha sorpresa final- son os sentimentos presentes neste libro, ilustrado con acuarelas de tons suaves sobre fondo branco. A nivel artístico, destaca a diferenza entre as escenas a toda cor e as imaxes monocromáticas, para distinguir a parte imaxinaria do conto que representa os soños e os desexos do protagonista.

Publicado en sete linguas -as cinco peninsulares, inglés e italiano-, “Un máis” é o segundo libro conxunto destes autores afincados no Morrazo, logo da súa adaptación do conto tradicional “Garavanciño”. Olalla González, que é mestra, contacontos e especialista en animación á lectura, tamén adaptou “Chibos chibóns”, ambos en KALANDRAKA.

Nesta editorial publicáronse tamén varias obras de Marc Taeger, comezando por “A verdadeira historia de Carapuchiña”, que recibiu os Premios Daniel Gil 2005 de ilustración e de deseño. Seguíronlle “Aquiles o puntiño”, o libro-disco “Tic-Tac”, “Elefante comellón”, xunto con “Artur” e “A guía Necsia”, estas últimas no selo FAKTORÍA K. O artista suízo afincado é autor dun amplo abano de traballos de deseño, pintura, escultura e arte gráfica que foron expostos en Francia, Alemaña, China ou Costa Rica, entre outros países.

Na súa visita á libraría infantil do Casco Vello vigués, Olalla González e Marc Taeger ofrecerán unha sesión de contacontos mesturando narración e ilustración en directo, non só de “Un máis” como principal novidade, senón tamén doutras obras da súa autoría. Ao remate da actividade asinarán exemplares.

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: