Saltar ao contido

RAMÓN TRIGO IMPARTE UN TALLER INFANTIL

Xuño 27, 2016

Taller RTrigo LPS_xul16

O ilustrador vigués Ramón Trigo vai impartir un obradoiro infantil co lema “Animalario”, dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos. Realizarase en LIBROS PARA SOÑAR os días 12, 13 e 14 de xullo en horario de 11:00 a 13:00 horas, cunha pausa para que os rapaces e rapazas participantes tomen cadansúa merenda, previamente preparada na casa.

Trátase dun obradoiro de plástica creativa coa fauna doméstica e salvaxe como temática central: os animais de compañía que teñan nos seus fogares, ou ben os animais silvestres procedentes doutras latitudes que coñezan a través dos libros de ciencias ou dos documentais, serán os modelos nos que se fixarán para debuxalos con características orixinais e personalizadas. Ao remate do obradoiro, poderán levar o seu traballo encadernado para compartilo coa familia e coas amizades.

O obxectivo da actividade é estimular a imaxinación dos máis novos, que se manteñan activos tamén durante as vacacións estivais, e que desenvolvan as súas habilidades na creación de personaxes e historias, ao tempo que as nais e os pais teñen unha axuda para poder conciliar a vida laboral e familiar.

Ademais de autor e ilustrador, Ramón Trigo ten experiencia impartindo obradoiros para público infantil e adulto. De formación autodidacta, iniciou a súa traxectoria artística en xornais e revistas especializadas en banda deseñada. As súas primeiras obras pictóricas datan da década de 1980; dende entón ilustra libros para varias editoriais -algúns incluídos na selección The White Ravens- e realiza exposicións cos seus cadros e esculturas.

Ten presentado a súa obra en países como Alemaña, Bélxica, Lituania, Italia e Portugal. Entre as distincións que recibiu destacan o Premio Arte Xove Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Cidade de Alicante e Cabildo de Gran Canaria. Entre as súas obras recentes, “Leviatán”, publicado no selo Faktoría K, gañou o Premio Lazarillo 2012 e o Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración 2015 outorgado pola Asociación Galega de Editores.

O obradoiro ten un custe de 30 euros polos tres días e as prazas son limitadas. As inscricións pódense formalizar en LIBROS PARA SOÑAR (rúa Triunfo 1, Vigo): por teléfono no número 986 43 37 68 ou por correo electrónico no enderezo lps@kalandraka.com.

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: