SUSA HERRERA PRESENTA O SEU LIBRO-DISCO “CANTOS ANIMAIS”
A profesora Susa Herrera vai ser a invitada especial da sesión de contacontos de mañá venres, a partir das 18:30 horas, en LIBROS PARA SOÑAR. Na súa visita á libraría infantil do Casco Vello, Susa Herrera presentará o seu novo libro-disco, “Cantos animais”, con cancións protagonizadas por un elefante, un gato, un crocodilo, unha ra e outros habitantes do bosque, do río, da granxa ou da selva que animan os nenos e nenas a cantar e a bailar.
Con este novo traballo recomendado para cativos a partir de 3 anos, Susa Herrera segue apostando pola educación musical dos máis pequenos a partir de composicións sinxelas coas que se favorece a expresión corporal e das emocións. Combinando palabra, imaxe, música e movemento, a autora compón letras, melodías e coreografías asequibles para que o público infantil poida seguilas e involucrarse dun xeito activo e dinámico nas propostas lúdicas que se lle presentan.
Susa Herrera é profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra, e titular da Área Didáctica de Expresión Musical. Ten publicado varios libros con cancións infantís e guías didácticas para poñer en práctica nas aulas as súas estratexias educativas.
Trackbacks