Skip to content

FESTEXAMOS O 13º ANIVERSARIO DE LIBROS PARA SOÑAR

Abril 25, 2013

"A galiña roxa", adaptado por Pilar Martínez e ilustrado por Marco Somà (Kalandraka). "Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis", de Chema Heras e Kiko da Silva (Kalandraka). "O señor Don Nicanor" de Ana Fernández-Abascal e Flavio Morais (Faktoría K).

Os autores Pilar Martínez e Chema Heras serán os invitados especiais de LIBROS PARA SOÑAR mañá venres, a partir das 18:30 horas, na festa que organiza a libraría infantil do Casco Vello vigués con motivo do seu 13º aniversario. Os nenos e nenas axudarán a soprar as velas da torta de cumpreanos e poderán tomar uns petiscos caseiros despois da sesión de contacontos: “A galiña roxa”, “Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis” (Kalandraka) e “O señor Don Nicanor” (Faktoría K) son algúns títulos do repertorio.

Pilar Martínez adaptou o conto tradicional “A galiña roxa”, no que se destaca a importancia do esforzo e da constancia para que o traballo -mellor en equipo- dea bos froitos. “Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis” é un divertido relato de Chema Heras no que o seu protagonista agarda con ansia os agasallos dos Magos de Oriente en recompensa ao seu bo comportamento. E sobre as vantaxes de afeccionarse aos libros e á lectura, Chema Heras e Pilar Martínez contarán tamén un relato rimado de Ana Fernández-Abascal, “O señor Don Nicanor”.

Os últimos 12 meses caracterizáronse polo dinamismo da libraría, con numerosas visitas de autores, ilustradores e presentacións de libros; sesións de contacontos amenizadas por músicos e narradores invitados; charlas formativas sobre animación á lectura e cursos de contacontos.

A figura da "Lúa", como a portada do libro, nunha das tartas que degustamos no 12º aniversario de Libros para Soñar-Vigo.

Así, por LIBROS PARA SOÑAR pasaron, durante o último ano, o artista plástico Pablo Otero, que impartiu un obradoiro de ilustración; o grupo Tanxarina Títeres, que estreou o álbum conmemorativo dos 25 anos do espectáculo “Titiricircus”; a escritora e actriz Paula Carballeira, contando historias sobre a paz e a guerra, tema do seu último libro, “O principio”; o autor José Antonio Abad, que presentou o libro-disco “As catro estacións” con música de Vivaldi; e a chilena María José Ferrada, que trala publicación de “O baile diminuto” gañou o V Premio Cidade de Orihuela co poemario “El idioma secreto”.

Os músicos David González e Xaime Rivas amenizaron varias sesións de contacontos a ritmo de acordeón e de zanfona. Tamén se celebraron, con moito éxito, as primeiras sesións de contacontos en lingua de signos, coa participación dos profesores Ana Acuña e Frank Eijo, e da intérprete Aránzazu Casas.

E non faltaron colaboradoras habituais de LIBROS PARA SOÑAR, como as narradoras Iria Mantilla e Bea Campos, que acompañaron nas sesións de contacontos para bebés, nas actividades infantís dos venres e nas xornadas de formación para profesorado, bibliotecarios, animadores e mediadores de lectura. A festa do 13º aniversario da libraría servirá para agradecer estas contribucións, o apoio dos lectores, e para enfocar os meses vindeiros con máis entusiasmo e novos proxectos.

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: