Saltar ao contido

CONTOS DE PRIMAVERA EN LIBROS PARA SOÑAR

Marzo 22, 2013

"Niños", de Pepe Márquez e Natalia Colombo, coas figuras de Victoria Ballesteros.

“Niños”, o novo álbum infantil da ilustradora arxentina Natalia Colombo a partir dun texto do seu compatriota Pepe Márquez, será o libro no que se centrará a sesión de contacontos deste venres 22 de marzo en LIBROS PARA SOÑAR. Un día despois da entrada da primavera, na mesma data na que tamén se festexa o Día da Poesía, a libraría infantil do Casco Vello encherase de versos, música tradicional e historias que evocan o rebulir da vida trala dura estación do inverno.

Os paxaros simpáticos e estrafalarios que protagonizan este relato son de formas, colores e píos distintos; pero se nalgo se distinguen é no xeito de construíren os seus niños: grandes, pequenos, nas alturas, no chan, agochados ou ao descuberto. Trátase dun libro que, ademais dunhas ilustracións luminosas que acentúan o carácter lúdico da obra, enfían cos conceptos de fauna e biodiversidade. Porque sendo paxaros, todos son semellantes malia as diferenzas.

Despois de “Cerca”, o traballo co que gañara o I Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, Natalia Colombo (Bos Aires, 1971) volve publicar en Kalandraka un libro para pre-lectores e primeiros lectores. Naquela ocasión, a ilustradora visitara LIBROS PARA SOÑAR para presentar a que fora a súa primeira obra para público infantil. “Niños” publicouse en galego, castelán, portugués e inglés.

Natalia Colombo, no centro, na súa visita a LIBROS PARA SOÑAR en 2008 para presentar CERCA.

No comments yet

Deixar un comentario