Skip to content

A COELLIÑA MARCELA

Decembro 17, 2011
tags:

 “Nun prado verde, á beira do gran río, vivía un pobo de coellos […] aquel pobo de coellos vivía en paz e harmonía. Era un pobo ben organizado. Había coellos brancos e coellos negros.”

 Neste pobo nace Marcela, unha coelliña negra moi xeitosa pero que ten un pequeno defecto na vista, o seu ollo esquerdo non pode parar quieto, mira cara arriba, mira cara abaixo, mira cara onde lle peta. Non parece moito problema, non?, pois resulta que nese pobo si, nese pobo tan ben organizado os coellos negros miran sempre cara abaixo e os coellos brancos miran sempre cara arriba, as súas miradas non se cruzan. Os coellos brancos moitas veces pisan os coellos negros case case sen decatarse, xa que nin os ven, pero os coellos negros non se enfadan, teñen moi bo carácter e están acostumados a botarse a un lado, non é tan difícil; tamén comen a herba máis seca e beben a auga máis turbia, pero case sempre teñen comida abondo, así que non se queixan. O problema realmente é de Marcela que, ademais de ter un ollo rebuldeiro, ten o costume de trabar cando lle pisan. Nunca tal cousa no pobo se vira e non é do gusto de ninguén, nin de brancos, nin de negros. A coelliña non é feliz e acaba marchando na busca dun lugar mellor para vivir.

No seu camiño Marcela atopa outro pobo, tamén ben organizado, tamén en paz; aquí debería serlle doado adaptarse, xa que os coellos negros son os que miran cara arriba e os coellos brancos son os que miran cara abaixo; os primeiros comen a  herba máis fresca e beben a auga máis clara, e, os segundos, comen a herba máis seca e beben a auga máis turbia; os negros pisan ós brancos e os brancos calan. O problema realmente é de Marcela, o seu ollo dereito sempre mira cara abaixo, así que pode ver perfectamente ós coellos brancos e non lle gusta nada a idea de pisalos, así que anda todo o día desacougada, con coidado de non pisar a ninguén. Aquí a coelliña tampouco é feliz.

Ata que un día, cando está a mirar co seu ollo dereito cara abaixo, atopa a mirada dun coello branco, cun ollo tolo e os dentes dispostos para unha boa trabada. E Federico mira a Marcela, e Marcela mira a Federico, e xa non poden deixar de mirarse. Nunca tal cousa no pobo se vira e non é do gusto de ninguén, nin de brancos, nin de negros. Marcela e Federico non son felices e terán que marchar na busca dun lugar mellor onde vivir.

 Unha fermosa fábula escrita hai máis de 30 anos por Esther Tusquets e publicada daquela en Lumen, editorial da que era propietaria e que tiña no seu catálogo unha serie de títulos de literatura infantil que se convertiron nunha referencia pola súa defensa da igualdade. Nesta edición as ilustracións son de María Hergueta, unha xove ilustradora valenciana que, na nosa opinión, consegue cos seus debuxos renovar a estética do libro mantendo o espírito da edición orixinal.

Escrito por : Esther Tusquets

 Ilustrado por: María Hergueta

 Editado por: Kalandraka

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: