Skip to content

SESIÓN DE CONTOS PARA BEBÉS EN VIGO

Novembro 10, 2011

As sesións especiais de contos para bebés teñen unha grande aceptación. Celébranse os mércores cada quince días en Libros para Soñar de Vigo e están dirixidas a nenos e nenas de 0 a 3 anos, acompañados dun adulto. Nesta ocasión, as nosas compañeiras Iria e Sandra dinamizaron a actividade con relatos que destacan pola pluraridade de personaxes e voces, que permiten estimular a xesticulación e a psicomotricidade.

…Había unha vez unha ratiña presumida que barría facendo así, así, coa súa vasoira…

…E os animais do bosque estirábanse moito, moito, uns enriba de outros, tratando de alcanzar a lúa, pero a lúa, chof! daba un chimpo cada vez máis alto…

A ratiña presumida”, na versión do libro con pictogramas, que lle facilitan a comunicación non só ás persoas con discapacidade intelectual, senón que tamén están indicados para prelectores, xunto co archicoñecido “A que sabe a lúa?”, foron dous dos títulos do repertorio. A próxima sesión de contos para bebés celebrarase o mércores 23 de novembro a partir das 17:30 horas.

É unha actividade de balde, pensada para achegar os meniños aos libros e á lectura dende unha idade temperá, mediante recursos da tradición oral, como cantigas, arrolos, retrousos. É unha iniciativa que estreita os lazos afectivos entre os cativos cos pais e nais, avós ou avoas, tíos ou tías, padriños ou madriñas que os acompañan. A experiencia de Iria no eido da Educación Infantil e como narradora, a formación especializada de Sandra no eido da Psicoloxía e a súa experiencia cotiá na atención personalizada aos lectores, permítenlles empregar materiais acordes á capacidade de comprensión dos nenos e nenas, ao tempo que se lles recomendan aos adultos prácticas que poden seguir realizando no fogar.

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: