Skip to content

CONTOS POR TELÉFONO

Outubro 20, 2011

O pasado Venres  na libraría de A Coruña tivemos a presentación do libro “Contos por teléfono”, de Gianni Rodari.

Antes de entrarmos xa podiamos ver un adianto: este é o escaparate co que Pablo Otero, ilustrador do libro, nos agasallou.

É tan bonito que temos que ter moito coidado cando a xente pasa por diante da libraría de que a ninguén lle suceda coma a Giovanni, o neno de “O paseo dun distraído”, que  tan apampado queda mirando ao seu redor cando sae á rúa que polo camiño vai perdendo unha man, un brazo, unha perna…. e nen se decata do que lle falta  ata que chega a súa casa… “chimpando a perna coxa, sen orellas nin brazos, pero tan ledo coma sempre, ledo coma un paxariño, e a nai, dando á cabeza, arránxalle todas as pezas e dálle un bico” .

Nós agora saímos todos os días antes de marchar e fixámonos ben por se atopamos a man ou o pe dalguén, alí, onda o escaparate.

Pablo falounos de como traballa un artista, como fai as ilustracións, como elixe as cores, os materiais cos que traballa…

Tamén escoitamos contos : o de “Alicia Caediza” ou o de “Carapuchiña”, pero con este os contadores tiñan un barullo na cabeza e rifaban todo o tempo:

Había unha vez unha nena chamada Carapuchiña Amarela…

Non, Vermella.

Iso, Carapuchiña Vermella. A súa nai chamouna e dixo: <<Oes, Carapuchiña Verde…>>…

Que non , Vermella.

Ah, si, Vermella.

Vai onda tía Maruxa e lévalle esta bolsa de patacas.

Que non, vai onda avoa e lévalle esta bola de pan.

De acordo. A nena foi polo bosque e atopou unha xirafa.

Que parvada! Atopou un lobo, non unha xirafa.

E o lobo preguntoulle:<< Cantas son seis por oito? >>

Nada diso. O lobo díxolle: << A onde vas?>>.

Así está mellor,- e Carapuchiña Negra contestou…

Era Carapuchiña Vermella, Vermella, Vermella !

…E así todo o tempo. A verdade é que foi ben divertido.

Aos que quixemos Pablo adicounos o libro. Para cada un de nós fixo un debuxo diferente.

E para rematar tivemos ata unha chuvia de caramelos, coma no conto “A famosa chuvia de Piombino” .

Grazas a todos os que viñéchedes pasar con nós esta tarde de Venres e grazas a Pablo polos debuxos, polo escaparate, pola súa presenza…

Aproveitamos para recomendarvos a nenos e maiores a lectura destes  “Contos por teléfono”  que, aínda que se publicaron por vez primeira no ano 1962, é coma se fosen escritos onte mesmo :

“ Novidades, novidades: novidades por todas partes. Este ano os Reis Magos viñeron a bordo dun foguete de dezasete módulos, e en cada módulo trae un armario cheo de regalos, e diante de cada armario vén un robot electrónico con todos os enderezos dos nenos[…] Novidades por todas as partes. Pero por que o Mestre Garrone está tan tristeiro?. Benquerido señor Gianni- di o Mestre – a min tamén me gustan estas novidades. Que bonitas as máquinas das fábricas, que bonitas as astronaves no ceo. Pero a miña escola, viu como está? Está tan mal coma nos tempos do meu avó Garrone. De máquinas bonitas, na escola, non hai nin sombra. Os mesmos bancos raiados e incómodos de antano. Eu quería que a miña escola fose bonita coma un televisor, coma un coche. Pero, quen me axuda?.”

One Comment leave one →
  1. Xosé permalink
    Outubro 21, 2011 5:22 pm

    Noraboa pola actividade e tamén polo artigo. A verdade é que a derradeira cita é moi, moi acaída aos tempos que corren. Como dicían a canción “malos tiempos para la lírica”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: