Skip to content

O MEU AVÓ CARMELO

Outubro 9, 2011
tags:

Coma os debuxos que se fan na auga que deixa a chuvia, coma as tormentas de verán, coma as andoriñas que enchen o ceo antes da súa viaxe anual, ou as cancións que nos aprenden de nenos, todo cambia co paso do tempo, vaise transformando e un día desaparece, ou case. Algo de todo iso queda dentro de nós, un olor, unha melodía, unha imaxe … As persoas que queriamos e xa non están dalgún xeito quedan para sempre, deixan en nós a súa pegada. Se temos sorte, co tempo, decatámonos de que algunhas desas persoas eran especiais, moi especiais, porque descubrimos que o que lembramos cando pensamos nelas é mais ca unha historia, unha conversa, un xogo, un sorriso, o que lembramos por riba de todo é un sentimento: a felicidade.

Despois de ler este libro non hai dúbida de que o seu autor, Dani Torrent, é unha persoa con esa clase de sorte. Nesta homenaxe ao seu avó fala de momentos que non han voltar, de persoas que non han voltar; fala da perda e faino con nostalxia. Nas súas palabras, e sobre todo nas súas delicadas ilustracións, todo remite ao paso do tempo; as andoriñas, as nubes no ceo, a paisaxe que cambia, e, dun xeito sorprendente, todos eses elementos visuais relacionados co correo postal que, sen gardar unha relación directa coa historia, intégranse perfectamente coas imaxes, aportando toda a súa carga simbólica. E a pesares de todo esto, o que o álbum  transmite está moi lonxe da tristura, xa que, ó cabo, o que o autor está compartindo con nós son as tardes de ledicia, unha canción aprendida, lembranzas felices, un exemplo de vida que aínda hoxe o acompaña.

A vida é cambio, eso sabémolo nós e tamén o saben os nenos. Non hai nada de malo en compartilo con eles, en axudarlles a comprendelo e aceptalo. Este libro é un xeito fermoso de facelo.

Escrito e ilustrado por: Dani Torrent

Editado por: Kalandraka

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: