Skip to content

INAUGURACIÓN DE LIBROS PARA SOÑAR NA CORUÑA

Outubro 3, 2011

Libros para Soñar xa está dando os seus primeiros pasos na cidade da Coruña. A festa de inauguración foi todo un éxito de público que impregnou a libraría de ledicia, de optimismo, e de agarimo. Familias, docentes, profesionais das bibliotecas, autores e ilustradores, entusiastas da lectura… a todos, moitas grazas por ser partícipes desta iniciativa audaz, nos tempos de incertidume que corren, pero necesaria, para apostar polo futuro, que son os nenos e as nenas, e pola cultura, co libro e coa lectura como ferramentas para contribuir á construcción dun mundo mellor.

Os contos e a música foron o fío condutor da sesión inaugural, na que o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, lle deu a benvida a Libros para Soñar na Coruña, seguindo a consolidada estela de Libros para Soñar en Vigo, que leva máis dunha década tecendo unha estreita relación entre literatura e arte, lectura e infancia, ámbito académico e formación continua. Tras unha proveitosa traxectoria na libraría Quimbamba, que fora a primeira libraría especializada en Literatura Infantil e Xuvenil da Coruña, María e Marta Castro collen o testigo para que a fermosa semente dos Libros para Soñar agrome vizosa na costa norte galega.

Patricia González e Álex Fente, voz e música do equipo de animación á lectura de Kalandraka, romperon o xeo contando e interpretando “Un becho estraño”. Trátase dun conto circular para pre-lectores e primeiros lectores, escrito por Mon Daporta, ilustrado por Óscar Villán, e publicado por Faktoría K. Mans e brazos arriba, abaixo, rodeando un grande ovo imaxinario… psicomotricidade intensiva para contar e cantar, a ritmo de acordeón.

A mestra de Educación Infantil e narradora Ana Abelenda tamén fixo as delicias dos máis cativos contando as aventuras do ratiño “Frederick”, unha das creacións máis entrañables do autor e ilustrador Leo Lionni que Kalandraka publicou nun cómodo formato de cartón. E ademais, manexando as cartas da baralla, aprendemos que os cabaleiros, as sotas e os reis tamén poden ser personaxes fantásticos, como os que protagonizan “Batalla de naipes”.

Acompañounos Olalla González, adaptadora de contos tradicionais como “Chibos chibóns” e “Garavanciño”. Entre todos, cantamos o retrouso deste último relato: “Pachín, pachán, pachón, moito coidado co que facedes. Pachín, pachán, pachón, a Garavanciño non pisedes…”. As ilustracións de Marc Taeger guiáronnos por un sendeiro a través do bosque na procura do boi que comera ao pequeno protagonista deste álbum. Como moitos nenos e nenas, Olalla creceu escoitando esta historia que lle contaba a súa avoa.

Outras invitadas especiais na apertura de Libros para Soñar na Coruña foron as libreiras de Libros para Soñar en Vigo, Carmela e Sandra. “Bailar nas nubes”, o relato co que Vanina Starkoff foi finalista do III Premio Internacional Compostela, foi a historia sobre multiculturalidade que narrou Sandra; un conto cheo de colorido para iluminar os soños dos lectores, con palabras como tolerancia, solidariedade, música ou diálogo.

E Alberto Barreiro ‘Warren’ puxo o broche final animando “A mora” co seu acordeón, facéndonos cantar un conto popular sefardí no que a memoria é fundamental para enlazar a todos os protagonistas deste relato. E bailamos e saboreamos nubes doces para despedir a sesión cun sorriso.

Pero entre todas as sorpresas, a máis emocionante foi a que tiñamos preparada para o artista plástico Pablo Otero, que plasmou o seu talento creativo nos murais que decoran as paredes de Libros para Soñar. As ilustracións que realizou para o libro de relatos “Contos por teléfono”, do mestre e pedagogo italiano Gianni Rodari, están expostas na sala ata finais deste mes de outubro. Premiamos a xenerosidade do ilustrador de libros como “O príncipe das sombras” e “ABCdiario“, obsequiándolle o primeiro exemplar que sae do prelo de “Contos por teléfono”, que recibiu con moito asombro e moita emoción. Grazas, Pablo!

E grazas a todas as persoas, amigas ou anónimas, que se achegaron ata este recuncho que, a partir de agora, quere ofrecervos libros e lecturas de calidade para cativos e para maiores, e acompañar o voso tempo de ocio cun programa de actividades que iremos debullando de vagar. A próxima cita será a presentación de “Contos por teléfono”, con Pablo Otero, e o equipo de animación á lectura de Kalandraka.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: