Skip to content

O ESCAPARATE DE LIBROS PARA SOÑAR-A CORUÑA

Setembro 29, 2011

Dicía Eça de Queiroz que a arte é “un compendio da natureza formado pola imaxinación”. O escaparate de Libros para Soñar-A Coruña vístese de cadros, de historia e de paisaxe como homenaxear a sensibilidade estética, que é o complemento ideal do gusto pola lectura. E que mellor suma de arte e literatura que o álbum ilustrado.

Os Libros para Soñar asómanse á rúa para entrar polos ollos e chegar aos corazóns dos lectores e lectoras. Cunha composición sinxela e harmoniosa, reuníronse varios títulos -uns emblemáticos, outros novidosos, outros máis veteranos- do catálogo de Faktoría K: o ritmo poético de “Para facer o retrato dun paxaro” (Jacques Prévert-Mordicai Gerstein); o xogo visual de “Un cadro de Picasso” e “Un cadro de Velázquez” (Claire D’Harcourt) cos lenzos de Guernica e das Meninas; e o enfoque didáctico de “Mirar a pintura” e “Descubrir a arte” (Caroline Desnoëttes).

Arte que trascende a vidrieira, pero que tamén habita no interior da libraría, coas ilustracións orixinais que Pablo Otero realizou para o libro “Contos por teléfono”, do escritor e pedagogo italiano Gianni Rodari, que axiña sairá á luz en Kalandraka. A súa obra, que destaca polo cromatismo e o valor simbólico das imaxes, poderase admirar ata finais de outubro na sala de exposicións de Libros para Soñar.

Faltan 24 horas para o gran día, coa apertura ao público e a sesión inaugural con música en directo e contos. Entre os nosos invitados especiais, a libreira Sandra Senra, de Libros para Soñar-Vigo; a mestra e narradora Ana Abelenda; o músico Alberto Barreiro ‘Warren’; o ilustrador Marc Taeger e a adaptadora Olalla González, autores de “Garavanciño”; Patricia González e Álex Fente, do equipo de animación á lectura de Kalandraka… Queredes saber que contos nos van cantar e contar? Mañá ás 18:00 horas no número 64 da Avenida de Fisterra poderédelos ver e escoitar.

4 Comentarios leave one →
  1. Loli permalink
    Setembro 29, 2011 2:29 pm

    Noraboa a Kalandraka e a Marta e a María polo feliz encontro. Que sexa por moitos anos…e nós que o vexamos¡

    • palabras no ar permalink*
      Setembro 30, 2011 8:18 am

      Moitas grazas, Loli. Comeza a andaina de Libros para Soñar na Coruña e agardamos a hospitalidade e a boa acollida da cidadanía. Benvida, cando queiras, pola libraría.

  2. Ana permalink
    Outubro 4, 2011 8:46 am

    Ola!
    Ando á procura do libro “A tartaruga que quería durmir”. Tédelo na tenda?
    Graciñas

    • palabras no ar permalink*
      Outubro 11, 2011 7:35 am

      Ola Ana, grazas pola visita ao blog de Libros para Soñar. Para consultar existencias de títulos, por favor, contacta directamente con calquera das librarías, a que máis próxima che resulte:
      -Libros para Soñar-A Coruña: lpscoruna@kalandraka.com / 881 922 447
      -Libros para Soñar-Vigo: lps@kalandraka.com / 986 433 768

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: