Saltar ao contido

DANZAS DO MUNDO EN VIGO

Novembro 24, 2011

LIBROS PARA SOÑAR  de Vigo recibe este venres día 25, a partir das 18:30 horas, aos irmáns Sasha e Julio Vidal Zhukova, de 11 e 8 anos, respectivamente, que van interpretar danzas típicas de diferentes países: un baile arxentino, outro ucraíno, un baile da república rusa de Chuvasia, e unha danza rusa mariñeira. A súa actuación vaise intercalar cun ameno repertorio de contos a base de relatos que tamén percorren o mundo; entre eles, “A viaxe de Olaf”, de Martín León Barreto, editado por KALANDRAKA e galardoado co IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.

Durante este mes de novembro, a sala de mostras de LIBROS PARA SOÑAR acolle unha exposición de ilustracións do libro “A viaxe de Olaf”, que tamén protagoniza o escaparate da libraría. Son imaxes chamativas, de formas xeométricas e dotadas de dinamismo, que resaltan pola profusión de colorido e pola harmonía coa que Martín León Barreto combina as gamas cromáticas. Ao longo de toda a obra, as ilustracións encaixan como pezas dun complexo crebacabezas faunístico, protagonizado por animais fantásticos: o peixe que tiña a cola do revés, o cabalo alado, o tigre arco da vella ou o elefante elegante, acompañan a Olaf no seu camiño polo mundo -coma unha sorte de Principiño- na procura de novas amizades.

LIBROS PARA SOÑAR: Triunfo, 1. Vigo | Tlf. 986 43 37 68 | lps@kalandraka.com

No comments yet

Deixar un comentario